Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade

Imaxe deputación de lugo
O equipo de Gómez Besteiro presentará unha moción ó pleno para sumar esforzos en torno a unha declaración que beneficia a 21 concellos das provincias de Lugo e OurenseNo texto insta á Xunta e ó Goberno a iniciar os trámites para formalizar a candidatura e promover a declaración diante do Comité da UNESCOO impulso á declaración de Patrimonio da Humanidade era un dos compromisos programáticos do actual goberno, que leva un ano e medio traballando nesta iniciativa para a que xa solicitou fondos á Fundación Biodiversidad

O equipo de Gómez Besteiro presentará no pleno este martes unha moción na que solicita o apoio de tódolos partidos políticos para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Na exposición de motivos o grupo de goberno salienta que este territorio conta con recursos suficientes para acadar dito distintivo, pola súa beleza e características paisaxísticas únicas que non se atopan en ningún outro territorio nin da Península Ibérica nin de toda Europa.

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xa incluíra no seu discurso de investidura como compromiso programático para este mandato o impulso a esta declaración. Por este motivo a Deputación leva un ano e medio traballando nesta iniciativa, para a que mantivo varios encontros cos promotores da candidatura da Torre de Hércules co fin de asesorarse sobre as xestións necesarias e conseguir o mesmo resultado exitoso. Así mesmo, e co obxectivo de acadar o financiamento necesario, para esta e outras iniciativas, este ano a Deputación concurríu ás axudas da Fundación Biodiversidad para poñer en marcha un proxecto experimental de desenvolvemento rural da zona. Dentro desta iniciativa a Deputación mantivo reunións con importantes asociacións e entidades da Ribeira Sacra das que recibiu o apoio como a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), Asociación Española de Pequenas e Medianas Cidades Vitivinícolas (ACEVIN), do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra (CRDORS), da Fundación Belarmino Fernández, do IBADER o u o Consorcio Turístico Ribeira Sacra, entre outros. Nestes intres a institución provincial agarda que lle comuniquen se lle conceden os fondos da Fundación Biodiversidad.

A moción do equipo de Gómez Besteiro insiste na necesidade de traballar conxuntamente con outras administracións e entidades para presentar unha candidatura forte. Subsanado un erro tipográfico inicial o texto presentado polo grupo de goberno inclúe 13 concellos da zona sur da provincia de Lugo e outros 8 da provincia de Ourense. Os 21 municipios son: A Pobra de Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda na provincia lucense; e A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Xunqueira de Espadañedo, Esgos e Montederramo en Ourense.