Deputación de Lugo

Álvaro Santos: 'Xuntos debemos establecer que ante a corrupción a tolerancia é cero'

O Deputado inaugurou as XVII Xornadas Penitenciarias Lucenses, nas que se tratou a corrupción, “unha lacra social que nos interpela a todos, que require dunha loita decida en moitos frontes”“A transparencia non é unha opción, é un deber e un dereito para a cidadanía. As administracións e os partidos políticos deben render contas ós cidadáns, base para ter confianza”

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, acompañado pola Presidenta da Asociación Penitencia Concepción Arenal, Marina Cillero Rodríguez, inaugurou este martes as XXVII Xornadas Penitenciarias Lucenses, nas que se abordou a Corrupción, delincuencia económica e respostas sociais e legais. Santos Ramos subliñou que “todos estamos implicados na loita contra esta lacra, dende administracións, partidos políticos, medios de comunicación, a cidadáns en xeral”, e avogou por, “xuntos, establecer que, ante a corrupción, a tolerancia é cero”.

“Despois do desemprego, a corrupción e o que máis preocupa ós cidadáns, tal e como recolle o barómetro do CIS”, destacou o Deputado. “Estamos ante unha lacra social, que nos interpela a todos, que arruina a confianza nas relacións interpersonais e institucionais, que impide o bo funcionamento das administracións, e que ata retrae de facer negocios e investimentos”, engadiu.

Neste senso, Santos Ramos asegurou que a corrupción “require dunha loita decida en moitos frontes, dende o lexislativo, edurecendo as leis e a súa aplicación; ata no educativo, establecendo unha cultura de integridade e de respecto á lexislación. É preciso que todos fagamos un exercicio de transparencia, e ter moi claro que a transparencia non é unha opción, é un deber e un dereito para a cidadanía”.

O Deputado inaugurou con estas verbas as XXVII Xornadas Penitenciarias que organiza a Asociación Concepción Arenal e que se celebran no salón de Actos da Deputación. Santos Ramos estivo acompañada por Marina Cillero, presidenta da asociación, quen agradeceu a colaboración da Deputación e lovou o discurso do Deputado. A presidenta da Asociación Concepción Arenal solicitou á cidadanía que reflexionara sobre a criminalización da sociedade e busca de culpables, ó tempo que e solicitou dos xuíces máis prontitude nos trámites xudiciais e responsabilidade coas filtracións dos sumarios.

A primeira das mesas redondas tivo lugar este martes coa participación dos xornalistas, Xulio Álvarez e Miguel Olarte; e o inspector xefe do Grupo de Blanqueo de Capitais da Unidade de Drogas e Crime Organizado da Policía Nacional, José Eladio parente. O coloquio estivo moderado polo director de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Celeiro Álvarez.

Nova sesión o mércores

O mércores 18, continúan as xornadas coa conferencia do Xefe do Servizo de Intervención e Control de Centros da Administración Penitenciaria, José Luis López Novo, quen falará sobre a resposta específica do ordenamento penitenciario fronte o crime organizado. Será ás 18:00 horas no Salón de Actos da Deputación. A continuación terá lugar un coloquio co funcionario de Institucións Penitenciarias de Lugo, Óscar Rancaño, como moderador.

A Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo leva organizando estas xornadas dende 1986 dedicando cada ano a un tema de relevancia social. Dende a asociación prestan información, orientación e asesoramento xurídico e social a persoas en situacións de problemática xurídica, ademais de organizar numerosas actividades formativas e reivindicativas.