Deputación de Lugo

A Deputación organiza unha xornada informativa gratuíta sobre os retos do sector do vacún de carne na provincia

Imaxe deputación de lugo
“Retos do sector do vacún de carne na provincia de Lugo” reunirá o vindeiro 13 de setembro na Granxa Gayoso Castro a profesionais do sector que abordarán temas coma os efectos da nova PAC en Galicia ou a importancia da gandería de carne na xestión do territorioOs interesados poden inscribirse en www.deputacionlugo.org nesta xornada que terá coma peche unha visita ó 1º Centro de Recría de gando vacún público en España que constrúe a institución para aforrar custes ós gandeiros

A Deputación de Lugo organiza na Granxa Gayoso Castro, o vindeiro día 13 de setembro, “Retos do sector do vacún de carne na provincia de Lugo”, xornada formativa gratuíta na que se abordarán os retos que ten ante sí o sector na provincia. Profesionais coma Román Santalla, Secretario de Gandeiría da UPA; José Ramón González Rodríguez, gandeiro e enxeñeiro técnico agrícola; Benigno Fernández Fano, veterinario e membro da xerencia do Banco de Terras de Asturias; David Erice, enxeñeiro agrónomo, ou José Ángel Burgo Rodil, Subdirector Xeral de Produción Agropecuaria, abordarán temas de actualidade coma a proposta de reforma da Política Agraria Común (PAC) e a repercusión que esta pode ter na Comunidade, con especial atención ós seus efectos directos en Lugo, ou a relación entre a gandeiría de vacún de carne coa xestión do territorio ou o cambio climático na provincia.

Todos os interesados poden inscribirse de xeito totalmente gratuíto a partires do día 10 de setembro entrando na páxina web www.deputacionlugo.org. A xornada arrincará ás 10:30 e prolongarase ata as 15:00 horas, momento no que os participantes poderán coñecer de primeira man as instalacións do 1º Centro de Recría de gando vacún público de España, que está a construír o organismo provincial na Granxa Gayoso Castro, durante a visita coa que se pechará a xornada.

Máis do 50% do vacún de carne é lucense

A institución luguesa impulsa esta xornada dentro das actividades previstas no proxecto Lug02, o programa medioambiental financiado nun 80% pola Unión Europea, coma mostra do compromiso que a Deputación mantén cos gandeiros e agricultores lucenses, nun momento especialmente difícil para o sector, motor económico da provincia. De feito, xera uns 30.000 postos de traballo, directos e indirectos, o que representa o 30% da poboación en activo.

Lugo xoga un máis que destacado papel na Comunidade en canto á cría de gando vacún de carne, aportando máis do 50% das reses de Galicia. De feito, segundo datos da Consellería de Medio Rural, no 2012 a provincia contaba con máis de 116.000 cabezas de gando rexistradas, do total de 217.000 destinadas á produción cárnica en todo o territorio galego. Hai que ter en conta, ademais, que moita desta produción goza dun gran recoñecemento, que outorga, por exemplo, o selo de calidade diferenciada Ternera Gallega.

Apostando polo sector

Estas xornadas organizadas ó abeiro do programa Lug02 –o pasado mes de marzo celebrouse unha similar enfocada ó sector da produción de leite-, son só unha mostra das moitas actividades organizadas polos responsables provinciais, comprometidos co traballo en prol do rural lucense xa que este ofrece un enorme potencial coma xerador de riqueza e emprego, así coma un efectivo elemento de loita contra o despoboamento e a degradación medioambiental.

De feito, a Deputación continúa adiante coa creación do que será o primeiro centro de recría público en España, levando xa executados 6 millóns de euros no proxecto e achegando 2,5 millóns máis nos Orzamento de 2013. Este centro suporá un enorme salto de calidade para os gandeiros, posto que lles permitirá aforrar custes, recriar máis e mellor, e posiblitará a xeración dun volume de negocio de 3 millóns de euros ó ano.

Outra das apostas máis firmes é o plan de emprego Fórmate en Verde, centrado no apoio e revitalización do agro. Este plan ofrece formación e asesoramento técnico especializado, de xeito totalmente gratuíto, a milleiros de persoas para crear empresas vencelladas á gandeiría e agricultura ecolóxicas e a xestión forestal sostible.