Deputación de Lugo

Gracia Querejeta, a directora preseleccionada para representar a España nos Oscar, estará mañá na Deputación de Lugo nun encontro aberto e gratuíto

Ás 16:45 horas, Gracia Querejeta atenderá ós medios de comunicación interesados. O punto de encontro é a dita hora, diante do Salón de Plenos do Pazo de San MarcosLogo, ás 17:00 horas, no Salón de Actos da institución luguesa, a directora de cine inaugurará o curso da Escola de Imaxe e Son, nun encontro gratis e aberto ó públicoA EIS da Deputación, o único centro público en Lugo que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, arranca, por sexto ano consecutivo, con todas as prazas cubertas e coa matrícula gratuíta

A director de cine Gracia Querejeta, preseleccionada para representar a España no Oscar por “15 años y un día”, estará mañá, luns 16 de setembro, na Deputación de Lugo, con motivo da inauguración do novo curso académico da Escola de Imaxe e Son do organismo provincial, o único centro público en Lugo que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual. Será nun encontro aberto e gratuíto ó público, que terá lugar, ás 17:00 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Previamente, ás 16:45 horas, Gracia Querejeta atenderá a todos os medios de comunicación interesados. O punto de encontro é diante do Salón de Plenos da institución luguesa.

Gracia Querejeta, filla do produtor Elías Querejeta e membro dunha xeración de xoves directoras de recoñecido prestixio, como Icíar Bollaín, Isabel Coixet ou Patricia Ferreira, expoñerá ós alumnos a súa experiencia dentro do mundo do cine e atenderá todas as cuestións que lle formule o público presente.

O curso 2013-2014 comeza coas 44 prazas dos Ciclos Superiores de Realización e Produción da EIS cubertas. Este é o sexto ano consecutivo que a Escola da Fundación TIC, organismo dependente da Deputación de Lugo, completa a matriculación, e con lista de espera no apartado de Realización. Ademais, a matrícula volveu ser de balde, agás para os repetidores, grazas ó esforzo económico da Fundación, co obxectivo de facilitar o acceso a un ensino gratuíto de calidade.

Querejeta: 6 películas en 15 anos

Gracia Querejeta é a continuadora dunha saga de cineastas que comezou o seu pai, o produtor Elías Querejeta, que lle abriu o camiño no mundo do cine e produciu varias das súas películas. A súa primeira experiencia profesional detrás dunha cámara foi como auxiliar de dirección en “Dulces horas”, en 1981, ás ordes de Carlos Saura. En 1988 dirixiu a curta “Tres en la marca” coa que obtivo o premio Teatro Arriaga de Bilbao. En 1990 realizou, xunto a Jesús Ruiz e Nacho Pérez de la Paz, “El Viaje del agua”, premio Goya ó mellor documental español.

En 1992 dirixíu a súa primeira película en solitario, “Una estación de paso”, premio especial do xurado na semana de cine de Valladolid. Despois seguíronlle “El último viaje de Robert Rylands” e “Cuando vuelvas a mi lado”. En 2004 dirixiu “Héctor”, galardoada co premio á mellor película no Festival de Málaga do Cine Español e en 2007, “Siete mesas de billar francés”, con varias candidaturas ós Goya, entre elas á mellor dirección. En 2008 recibiu o premio Ciudad de Cuenca do Festival Internacional de cine Mulleres en Dirección en recoñecemento á súa traxectoria. Ademais realizou outros traballos, como os documentais “Primarias” ou “El trabajo de rodar”. O seu último traballo é “15 años y un día” co que volveu gañar a Biznaga de Ouro á mellor película no Festival de Cine Español de Málaga e unha das catro longametraxes preseleccionadas para optar a representar a España no Oscar.