Deputación de Lugo

A Deputación abre mañá a inscrición para 70 bolsas de emprego dirixidas a mozos lucenses en paro

Imaxe deputación de lugo
O BOP publicou este luns as bases dunha nova convocatoria de becas Leonardo da Vinci, que se poden solicitar dende este martes e ata o 1 de outubro, para formarse en prestixiosas empresas europeas, co fin último de facilitar a inserción laboral en España50 prazas son para mozos con titulación universitaria en sectores como o medioambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo e ciencias da vida; e 20 con Formación Profesional en audiovisualCon 309.000 euros da UE, a institución asume o aloxamento e as viaxes, ademais de xestionar os lugares de formación en Hamburgo, Viena, Florencia, Lisboa, Praga, Belfast, Cork, Irlanda, Módena e Lisboa

O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns as bases dunha nova convocatoria de becas Leonardo da Vinci, que ofrece a Deputación a mozos lucenses en paro, co obxectivo de mellorar a súa formación, con prácticas en prestixiosas empresas europeas, para, posteriormente, facilitar a súa incorporación laboral en España. Mañá, a institución abre o prazo de inscrición. Os interesados poderán formular a súa solicitude ata o 1 de outubro. Toda a información atópase en www.deputacionlugo.org.

As 70 bolsas de emprego distribúense do seguinte xeito:

- 50 prazas son para mozos da provincia menores de 35 anos, desempregados, preferentemente sen experiencia profesional, e con titulación universitaria, acadada nos últimos catro ano sobre estes sectores: medioambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo e ciencias da vida. Supoñen prácticas durante tres meses e medio, en empresas de Hamburgo, Viena, Florencia, Lisboa, Praga, Belfast e Cork.

- 20 prazas son para rapaces lucenses formados na Escola de Imaxe e Son, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, que teñan terminado os seus estudos Produción de Radio, Audiovisuais e Espectáculos, ou de Realización de Audiovisuais e Espectáculos, nos últimos tres anos. Darase prioridade ás persoas en situación de desemprego, e a aquelas que non poidan acceder a este tipo de prácticas laborais no estranxeiro por razóns económicas. As prácticas serán durante tres meses en empresas de Irlanda, Módena e Lisboa.

O custe é de cero euros para os beneficiados, xa que a Deputación asume os gastos de aloxamento ou das viaxes, ademais de xestionar os lugares de formación, con 309.000 euros, financiados nun 70% pola Unión Europea.

250 bolsas de emprego

Esta é a 2º convocatoria de becas Leonardo da Vinci que pon en marcha a Deputación na provincia con fondos europeos. O ano pasado, a institución ofreceu outras 70 bolsas de emprego con esta programación. No 2014, o organismo provincial impulsará outras 50 tras revalidar o apoio da Unión Europea. A Deputación sumará, deste xeito, 190 becas Leonardo da Vinci que, xunto con outras convocatorias, suporá que o número total de bolsas de emprego que a institución ofrece a lucenses desempregados ascende a 250.