Deputación de Lugo

A Deputación reforza os medios para a mellora de vías municipais, cos que xa aforra ós Concellos 6 millóns ó ano

A institución incorporará 2 palas retrocargadoras ós equipos de rego e limpeza, que mantén despregados na provincia, mellorando preto de 600 quilómetros de vías locais ó anoConcellos e empresas luguesas aforrarán gastos correntes e contribuirán ó desenvolvemento sostible da provincia, coa Guía de Boas Prácticas da DeputaciónO organismo provincial ofrecerá gratis a administracións e entidades da provincia a guía, que presta asesoramento sobre a compra verde de produtos e servizos para os cidadáns

A Deputación reforza os medios para a mellora de vías municipais co obxectivo de superar os 6 millóns de euros anuais que xa aforra ós Concellos con esta medida de cooperación. A Xunta de Goberno aprobou a adquisición de 2 palas retrocargadoras, que se incorporarán ós 3 equipos de rego e 2 limpeza, que a institución mantén despregados na provincia, mellorando estradas, accesos ou pistas, estritamente locais e, principalmente, situadas en núcleos rurais.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que son 145.000 euros, ós que se achegan a esta contratación, “cartos que longamente se amortizan, tendo en conta o aforro de custes ós Concellos”. E é que, con persoal propio, concretamente con 20 operarios, e con 15 máquinas do Parque Móbil, a Deputación aforrou ós municipios no último ano 6 millóns de euros. Son os cartos, segundo os prezos do mercado, que terían que desembolsar estas entidades locais, no caso de que asumisen os traballos de mellora de estradas locais, que lles executou gratis a Deputación. Tratou do acondicionamento de case 600 quilómetros de vías pertencentes a 20 Concellos “de todas as cores políticas”: Castro de Rei, Becerreá, O Corgo, Guitiriz, Cervantes, Lourenzá, Castroverde, Mondoñedo, O Páramo, O Incio, Sober, Xermade, A Pastoriza, Viveiro, Pobra do Brollón, Navia de Suarna, Samos, Ribadeo, A Pontenova e Monforte de Lemos.

Guía de boas prácticas

A Deputación ofrecerá gratis a Concellos e empresas lucenses unha guía de boas prácticas para a compra verde de produtos e servizos ós cidadáns, que contribúan ó aforro de gastos correntes e ó desenvolvemento sostible da provincia. A Xunta de Goberno aprobou a contratación deste servizo por 32.500 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea. Trátase dunha nova iniciativa do programa Lug02, coa que, seguindo a normativa medioambiental vixente, o organismo provincial prestará asesoramento para a adquisición de material, mobiliario ou dispositivos, cos que reducir custes pola agua, luz ou calefacción, e fomentar unha economía sostible.

A sesión acordou a conta xustificativa dunha obra do Plan de Comunidades Veciñais, executada en Seixo, núcleo rural de Pedrafita do Cebreiro, dotada de 12.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación.