Deputación de Lugo

Viveiro acolle mañá unha masterclass de cociña gratuíta que organiza a Deputación para impulsar os produtos da zona

Imaxe deputación de lugo
O Restaurante Panorámico de Viveiro acolle esta iniciativa na que 15 chefs aprenderán a realizar un menú a base de produtos autóctonos da MariñaA masterclass forma parte da aposta da Deputación polo medio natural como xerador de recursos económicos e como oportunidade de futuro para a provinciaA vindeira xornada celebrarase no Restaurante Xoíña de Foz, o vindeiro mércores 6 de novembro. Os interesados poden inscribirse en lugo2@deputacionlugo.org

A Deputación achega a Viveiro este martes, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass de cociña autóctona en impulso dos produtos da zona. A clase terá lugar no Restaurante Panorámico, onde os participantes nesta iniciativa prepararán pratos baseados en alimentos producidos e comercializados por empresas da zona. A xornada pon en valor o traballo dos produtores e potencia o uso destes alimentos entre os hostaleiros, mostrando a súa variedade e calidade, e para fomentar o seu consumo.

As masterclass enmárcase na aposta da Deputación polo medio natural como xerador de recursos económicos e de oportunidades de futuro para a provincia, freando o despoboamento demográfico. Ata o momento, impartíronse clases en varias localidades de toda a provincia como Monforte, Chantada, Cervantes ou O Valadouro. En todas empregáronse produtos propios de cada zona como hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros. A Deputación fomenta o uso dos produtos que posúen a súa marca de calidade LugoSabe postos á venda na primeira plataforma de comercio electrónico da provincia www.losproductosdelugo.com, creadas pola Deputación co fin de crear unha imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para PEMES e autónomos lucenses.

Próxima masterclass en Foz

As masterclass, financiadas nun 80% con fondos europeos, están dirixidas principalmente a profesionais hostaleiros. Tamén poden participar veciños interesados en xeral. A próxima cita celebrarase no Restaurante Xoíña de Foz. As prazas son limitadas e as clases son en grupos reducidos para favorecer a aprendizaxe. Os interesados deben apuntarse no teléfono 982-22-13-47 ou en lugo2@deputacionlugo.org