Deputación de Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dá a razón á Deputación desestimando o recurso do Concello de Lourenzá polo Lugo Emprega

Imaxe deputación de lugo
A sentenza confirma que este plan de emprego, que permitiu a contratación de máis de 700 desempregados en 60 Concellos da provincia cumpriu con todos os requisitos legais A resolución, contra a que non cabe recurso ordinario, deixa claro que o organismo lugués procedeu correctamente ó rescindir o convenio con Lourenzá e formalizar os contratos cos sete traballadores seleccionados

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de dar a razón á Deputación de Lugo desestimando o recurso contencioso-administrativo presentado no seu momento polo Concello de Lourenzá contra o plan LugoEmprega, confirmando así que a institución provincial obrou correctamente en todo o seu desenvolvemento, permitindo a contratación de máis de 700 desempregados de 60 Concellos da provincia durante seis meses.

O TSXG confirma así que o Concello de Lourenzá non tiña capacidade de intervir no proceso selectivo nin na resolución do mesmo, tal e como pretendía o rexedor deste Concello mariñano, Vidal Martínez Sierra.

Finalmente, os sete traballadores seleccionados neste Concello foron contratados, malia os impedimentos do Alcalde, e reorientados cara outros municipios limítrofes, onde prestaron os seus servizos.

Deste xeito, o Tribunal recoñece que a Deputación obrou correctamente ó resolver o convenio asinado con Lourenzá, de xeito unilateral, no momento no que detectou irregularidades no proceso selectivo do LugoEmprega neste municipio, xa que así o establecía o propio convenio. Contra esta resolución non cabe recurso ordinario.