Deputación de Lugo

As Deputacións de Lugo e Ourense impulsan conxuntamente a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Gómez Besteiro e Baltar Blanco acordaron asinar un convenio de colaboración no que tamén implicarán ás administracións que deben sumar ante a UNESCO: os 21 concellos da zona, Xunta de Galicia e Goberno CentralA Deputación de Lugo inicia mañá na Praza de San Marcos a campaña de recollida de sinaturas dos cidadáns en apoio á candidatura da Ribeira Sacra, e que estenderá por toda a xeografía galega e española

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este luns en Monforte un encontro co seu homólogo en Ourense, Manuel Baltar Blanco, no que concretaron a folla de ruta a seguir para acadar a declaración oficial da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Gómez Besteiro e Baltar Blanco acordaron asinar este ano un convenio de colaboración entre todas as administracións implicadas: Deputacións de Lugo e Ourense, os 21 Concellos da Ribeira Sacra -13 de Lugo e 8 de Ourense-, Xunta de Galicia e Goberno de España.

Os dous Presidentes subliñaron que comezan un “percorrido longo pero doado”, debido ó apoio institucional que ámbalas dúas administracións queren imprimir a esta declaración que pretende “valorizar o noso e valorizar Galicia”. Lugo e Ourense aprobaron sendas mocións de apoio nos seus Plenos provinciais e xa están a traballar para seguir recabando apoios.

Tendo en conta que o ámbito territorial da Ribeira Sacra comprende dúas provincias e que o ben xa aparece na “Lista Indicativa” de España desde 1996, era necesaria a suma de esforzos entre ámbalas dúas Deputacións. Este compromiso quedou pechado hoxe e verase oficializado en breve. Pero, tal e como establece a UNESCO, unha vez que esté completada toda a documentación que avale a proposta de candidatura, será o Goberno galego o responsable de presentala ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e o Goberno Central terá que facer o mesmo perante a UNESCO.

Gómez Besteiro lembrou que “impulsar a candidatura da Ribeira para ser declarada Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos asumidos no seu discurso de investidura no ano 2011 como unha das liñas programáticas de goberno”. Dende hai un ano e medio, “a Deputación estivo traballando neste proxecto. Mantivo varios encontros cos promotores da candidatura da Muralla de Lugo e da Torre de Hércules co fin de asesorarse sobre as xestións necesarias e acadar o mesmo resultado exitoso. Tamén o organismo lugués concorreu ás axudas da Fundación Biodiversidad co fin de poñer en marcha un proxecto experimental de desenvolvemento rural da zona e obter fondos económicos” Na actualidade, a institución agarda pola resolución destas axudas.

A Deputación mantivo, ademais, reunións con importantes asociacións e entidades da Ribeira Sacra, das que recibiu apoio. É o caso da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), Asociación Española de Pequenas e Medianas Cidades Vitivinícolas (ACEVIN), do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra (CRDORS), da Fundación Belarmino Fernández, do IBADER ou do Consorcio Turístico Ribeira Sacra, entre outros.

No pasado Pleno Provincial, Gómez Besteiro presentou unha moción, que foi aprobada por unanimidade, e que conleva os seguintes acordos: impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade; dirixirse ó Goberno Autonómico para poñer en marcha o procedemento correspondente para a formalización de dita candidatura e requirir a súa necesaria colaboración; instar ó Goberno de España para que, elaborada a candidatura, promova dita declaración diante do Comité do Patrimonio da Humanidade da UNESCO; e remitir ós Concellos da provincia que forman parte do territorio obxecto da declaración e á Deputación de Ourense este acordo para sumar esforzos nesa dirección.

Precisamente, en base a este acordo, o Presidente lugués reuniuse este luns co Presidente ourensán. Pola súa banda, Manuel Baltar Blanco, que aprobou a finais do mes de setembro unha moción semellante á de Lugo, tamén puxo á disposición da candidatura todos os medios da Deputación de Ourense.

Campaña de sinaturas dos cidadáns

Gómez Besteiro anunciou que este martes a Deputación de Lugo inicia a recollida de sinaturas da cidadanía en favor da candidatura da Ribeira Sacra. Un autobús rotulado percorrerá Galicia e, posteriormente, a xeografía española para recabar apoios. Mañá, ás 11:00 horas, comezará o seu itinerario na Praza de San Marcos, onde permanecerá durante o San Froilán para sumar as primeiras sinaturas. As Deputacións, á marxe do convenio entre administracións, tamén implicará ás entidades, asociacións e colectivos da Ribeira Sacra.

Os municipios da Ribeira Sacra (13 de Lugo e 8 de Ourense) son os seguintes: A Pobra de Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda, na provincia lucense; e A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Xunqueira de Espadañedo, Esgos e Montederramo, en Ourense.