Deputación de Lugo

A Deputación rescinde o contrato coa empresa de seguridade que incumpriu as condicións laborais dos traballadores

A Deputación finaliza 59 obras, dotadas de 300.000 euros e dirixidas a autónomos e colectivos veciñais, coas que impulsa o sector gandeiro e o medio ruralO voceiro provincial socialista reclama a “Barreiro, Balseiro, Arias e Candia que aclaren a súa postura” sobre a dotación de servizos para o HULA, tras non apoiar a recollida de firmas veciñalMartínez reclamou á Xunta que explique se vai antepoñer o cobro de 6,3 millóns de euros que lle adebeda Alimentos Lácteos, ó dos 4,4 millóns de euros que lles corresponden ás cooperativas, “cando centos de gandeiros levan meses esperando polos seus cartos”

A Xunta de Goberno aprobou este venres dous informes do departamento de Contratación, dependente da área de Presidencia da Deputación, para rescindir o contrato coa empresa que presta o servizo seguridade no Pazo de Deporte e no Museo Provincial debido ó incumprimento do prego de condicións, no referido ó mantemento das condicións laborais.

A empresa adxudicataria decidiu reducir o salario dos traballadores ata nun 40%, aplicar unha conxelación salarial ata 2015 de trienios e quinquenios de por vida, e poñer fin á paga de beneficios. Ademais, impuxo un aumento na xornada laboral anual de 44 horas. É dicir, infrinxiu o contrato que mantén coa Deputación, baseado nas cláusulas sociais na contratación pública, establecidas pola Organización Internacional do Traballo.

Plan de axudas no medio rural

A Deputación finalizou as 59 obras do plan de axudas no medio rural, dotadas de 300.000 euros, financiados na súa totalidade polo organismo provincial. Así o avanzou o voceiro provincial socialista. Manuel Martínez destacou que se trata da programación de subvencións dirixida a autónomos e colectivos veciñais co obxectivo de impulsar o sector gandeiro e as prestacións públicas en núcleos rurais, “contribuíndo á igualdade de oportunidades, vivas onde vivas, e facendo fronte ó despoboamento demográfico”.

As obras executadas con este plan consistiron na mellora de accesos rurais a explotación gandeiras, acondicionamento de fontes e cercados de pastizais, dotación de puntos de recollida de plástico e construción de curros para o gando. Os beneficiados resultaron de 48 Concellos: Cervantes, Cospeito, Guntín, Friol, Lugo, A Pontenova, Carballedo, Alfoz, Navia de Suarna, O Páramo, A Pastoriza, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Guitiriz, O Corgo, Quiroga, Lourenzá, Taboada, Láncara, Barreiros, Palas de Rei, Cervo, Foz, Xermade, Pantón, Pobra do Brollón, Abadín, Xove, Sarria, Mondoñedo, Pedrafita do Cebreiro, Castro de Rei, Begonte, Ribas do Sil, O Incio, Bóveda, Castroverde, Trabada, Riotorto, Becerreá, Muras, Baleira, As Nogais, Vilalba, Monforte de Lemos, Triacastela, Chantada, Pol.

Servizos no Hula

Ó respecto da dotación de Hemodinámica ás 24 horas, Radioterapia e Medina Nuclear no HULA, o voceiro esixiu a “Barreiro que aclare a súa postura, así como Balseiro, Raquel Arias e Elena Candia, que aínda non apoiaron a recollida de sinaturas que está a levar a cabo a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo”. Martínez lembrou que todos os Deputados do Goberno Provincial apoiaron esta iniciativa veciñal. Precisamente, o Executivo lugués leva unha moción ó vindeiro Pleno en rexeitamento ó Orzamento da Xunta para 2014, no que non se contempla partida económica algunha para ditos servizos, e coa que esixe á Xunta que incremente o presuposto para servizos sociais e políticas de emprego. Dende que Feijóo está no Goberno galego, ditos investimentos recortáronse en 4.000 millóns e en 200 millóns de euros, respectivamente.

Alimentos Lácteos

Polo que se refire a Alimentos Lácteos, “o proxecto estrela de Feijóo que agora, tras o seu peche, se nega a asumir como tal”, o voceiro reclamou á Xunta que explique se vai antepoñer o cobro de 6,3 millóns de euros que lle adebeda Alimentos Lácteos, ó dos 4,4 millóns de euros que lles corresponden ás cooperativas, “cando centos de gandeiros levan meses esperando polos seus cartos”.