Deputación de Lugo

Éxito de convocatoria da conferencia de Eduardo Punset na Deputación de Lugo

Centos de cidadáns seguiron a charla que ofreceu o científico no Pazo Provincial, na que foi a súa 1ª visita a Lugo, froito das xestións de Gómez Besteiro nos últimos dous anos400 persoas encheron os Salóns de Actos e de Plenos. A web da Deputación, na que se retransmitiu en streaming a conferencia, rexistrou picos de ata 600 persoas conectadas ó mesmo tempo para seguir a Punset Emilio Duró e Fernando Trias de Bes serán os seguintes conferenciantes das xornadas gratuítas e abertas ó publico que ofrecerá a Deputación antes de finais de ano co Innova-TE

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves a conferencia gratuíta e aberta ó publico que Eduardo Punset ofreceu no Pazo de San Marcos, na que foi a súa primeira visita a Lugo. Centos de persoas participaron neste encontro, froito das xestións levadas a cabo por Gómez Besteiro durante os últimos dous anos, dentro da súa aposta por “seguir abrindo o organismo provincial ós cidadáns, facéndoo útil e potenciando o Goberno aberto, no que as novas tecnoloxías cumpren un papel fundamental na comunicación entre a administración e os veciños”. Esta charla enmarcouse no Innova-TE, o programa tecnolóxica da Deputación, financiado nun 80% por fondos europeos.

400 persoas encheron os Salóns de Actos e de Plenos para seguir, de xeito presencial, a conferencia do científico sobre os retos do século XXI. Foron os cidadáns que, en menos dunha hora, esgotaron as prazas dispoñibles para ver a Punset no Pazo Provincial. Tendo en conta a forte demanda que acadou o encontro, e co obxectivo de que estivese ó acceso dos veciños, a Deputación retransmitiuno en streaming, dende www.deputacionlugo.org, grazas á colaboración dos profesionais da Fundación TIC. A web da institución rexistrou picos de ata 600 persoas conectadas ó mesmo tempo para seguir ó científico catalán. Rematada a charla, Punset asinou o seu último libro, “El sueño de Alicia”, nun acto no Salón de Plenos aberto ó publico, ó que acudiron aínda máis cidadáns.

Ó abeiro do Innova-TE, a institución luguesa celebrará antes de rematar o ano outras dúas xornadas gratuítas e abertas. Unha con Emilio Duró, un dos maiores expertos en liderado e xestión da intelixencia emocional, que falará da importancia de ser optimistas en tempos de cambio; e outra con Fernando Trias de Bes, escritor e economista especializado en marketing, creatividade e innovación.

Eduardo Punset

Eduardo Punset Casals (Barcelona, 1936) é avogado, economista e comunicador científico. É licenciado en Dereito pola Universidad de Madrid e máster en Ciencias Económicas pola Universidad de Londres. Traballou como redactor económico da cadea BBC, director económico da edición para América Latina do semanario The Economist e economista do Fondo Monetario Internacional nos Estados Unidos de América e en Haití.Como especialista en temas de impacto das novas tecnoloxías, foi asesor de COTEC, profesor conselleiro de Marketing Internacional en ESADE, presidente do Instituto Tecnológico Bull, profesor de Innovación e Tecnoloxía do Instituto de Empresa (Madrid), presidente de Enher, subdirector xeral de Estudos Económicos e Financieros do Banco Hispanoamericano e Coordinador do Plan Estratégico para la Sociedad de la Información en Cataluña.