Deputación de Lugo

A Deputación promociona o medio ambiente lucense colaborando co I Congreso de Fotógrafos da Natureza

Sonsoles López Izquierdo participou na inauguración do I Congreso Nacional de Documentalistas e Fotógrafos da Natureza, que conta coa financiación da institución provincial Os participantes tomarán fotografías de lugares de gran beleza paisaxística preto da capital que pasarán a formar parte dunha exposición sobre a natureza lucense A cita, que reunirá os días 26 e 27de outubro a profesionais de todo o mundo, inclúe exposicións, concursos e ponencias, alertando sobre a situación medioambiental do planeta

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou hoxe no acto de inauguración do I Congreso Nacional de Documentalistas e Fotógrafos da Natureza, que se celebrou esta mañá no Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL). A cita, que reunirá en Lugo os días 26 e 27 de outubro ós mellores profesionais deste sector, conta coa financiación da institución provincial, en atención á súa aposta polo medio ambiente como elemento xerador de riqueza para a provincia.

Sonsoles López Izquierdo salientou que “grazas á efectividade das imaxes, a fotografía é un dos mellores medios de comunicación para dar a coñecer toda a riqueza medioambiental da nosa provincia, e para concienciar da necesidade de preservar o medio”. A Deputada insistiu en que “este congreso é un bo exemplo de como xerar riqueza dando a coñecer a natureza dun xeito respectuoso e sostible”.

A iniciativa, que tamén conta coa colaboración do Concello de Lugo, inclúe safaris fotográficos por paraxes naturais de Lugo, cos que os participantes poderán coñecer a contorna verde da cidade, as beiras do río Miño, o paseo do Rato ou a zona da Fervenza. Durante os percorridos, realizarán fotografías que posteriormente formarán parte dunha exposición que amosará toda a beleza destes lugares, promocionando así a riqueza medioambiental de Lugo.

Concursos, ponencias e exposicións

Os organizadores teñen programado ducias de actividades para toda a fin de semana, que inclúen safaris fotográficos, ponencias e exposicións de prestixiosos fotógrafos. O domingo 27 de outubro, ás 11:00 horas celebrarase no MIHL unha concentración que, baixo o nome ¡Cámaras para salvar el planeta!, reunirá ós participantes no Congreso e a todo aquel que desexe sumarse para apuntar coa súa cámara ou teléfono móbil ó ceo mentres un helicóptero de filmación capta o momento.

O MIHL tamén acollerá ata decembro unha exposición que recollerá imaxes inéditas de diferentes expedicións á Antártida realizadas por Carlos Caraglia, director da exposición e organizador do Congreso; Leandro Blanco, gañador de máis de 50 premios internacionais; Enrique Pacheco, con máis de 10 anos de experiencia e viaxes a Islandia ou Isaac Fernández, biólogo e fotógrafo premiado en varios certames internacionais, entre outros.