Deputación de Lugo

O xornalista Valentín Carrera presentará na Deputación o seu traballo de investigación sobre o caso de Pescanova

Imaxe deputación de lugo
O Salón de Actos de San Marcos acollerá este mércores día 6, ás 19:30 horas, a presentación de Pescanova. Crimen perfecto, na que analiza o que califica de “estafa piramidal” da empresa galega. A asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollerá este mércores, día 6 de novembro, ás 19:30 horas, a presentación do último traballo do xornalista Valentín Carrera Pescanova. Crimen perfecto, na que aborda a historia desta empresa, exemplo de éxito durante moitos anos, así como “a estafa sistemática que creou máis de 300 sociedades ocultas, instrumentais, sen ningunha actividade real, cuxo fin era emitir facturas falsas para descontalas nos bancos, obtendo liquidez”

Carrera analiza diversos episodios desmontando a versión oficial de Pescanova, “unha empresa que parecía unha gran multinacional” pero era en realidade un “modelo de corrupción”, baseándose nos datos e documentos do sumario instruído polo Xulgado Central nº5 da Audiencia Nacional ou no procedemento concursal que ten aberto o Xulgado do Mercantil nº1 de Pontevedra, entre outras fontes.

Licenciado en Filosofía e Doutor en Belas Artes, Valentín Carrera leva exercendo a profesión de xornalista dende os anos 70, desenvolvido o seu labor en prensa escrita, televisión e radio, como corresponsal e colaborador en medios como TVE; La Voz de Galicia; La Región; La Vanguardia; El Correo Gallego; Faro de Vigo; Axencia EFE; Radio Galega ou Galicia confidencial. Autor de libros de viaxes, ficción e ensaio, que o fixeron merecedor de galardóns como o Premio Galicia de Comunicación ou o Francisco Cossío de Periodismo, Carrera é, así mesmo, autor de ensaios xornalísticos como Municipales 2011 en Galicia: una radiografía periodística e As Eleccións Xerais do 20N na rede, presentado o pasado ano, precisamente tamén na Deputación de Lugo.

A asistencia é totalmente gratuíta e o aforo quedará limitado á capacidade do propio Salón.