Deputación de Lugo

A Deputación dota a 55.000 veciños da Montaña e Zona Centro de wifi gratuíta en consistorios e prazas públicas

Álvaro Santos Ramos anunciou na Fonsagrada a posta en marcha deste servizo nos 21Concellos da Montaña e Zona Centro adheridos, voluntariamente, ó Innova TE O organismo provincial aforrou 735.000 euros ás arcas municipais, asumindo os custes da implantación desta prestación pública, coa que se fai fronte ó despoboamento demográficoInexplicablemente, os Alcaldes de Cospeito, Guntín, Outeiro de Rei, Vilalba e Xermade rexeitaron sumarse ó programa da Deputación, impedindo que os máis de 30.000 veciños destes municipios conten con este servizo gratuíto

A Deputación dota de conexión wifi gratuíta en consistorios e prazas públicas ós 55.000 veciños dos 21 Concellos da Montaña e da Zona Centro que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, anunciou este xoves na Fonsagrada, acompañado do Alcalde deste Concello, Argelio Fernández Queipo, a posta en marcha deste servizo. O organismo provincial asumiu a totalidade de custes que supuxo a instalación desta prestación, aforrando os ás arcas municipais un total de 735.000 euros.

Santos Ramos destacou que “coa entrada en funcionamento deste servizo loitamos directamente contra o despoboamento demográfico, posto que a comunicación e a dotación de servizos públicos de calidade é fundamental para fixar poboación no rural”. O Deputado lembrou que “a implantación de novas tecnoloxías foi unha das solucións aportadas polos expertos do Lugo Reacciona para frear a sangría demográfica”.

A Deputación habilitou en cada un dos municipios 3 puntos de conexión a Internet: 1 en prazas públicas e 2 no interior das casas consistoriais, cunha velocidade de 256 kas por segundo, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados por administracións públicas. Isto permite que os veciños destas localidades dispoñan de acceso a Internet libre e gratuíto dende calquera dispositivo móbil -ordenador portátil, PDA ou teléfono- a espazos web coma páxinas institucionais, redes sociais ou correos webmail.

Ademais da instalación da rede wifi, o programa tecnolóxico da Deputación incluíu un paquete de 8 servizos básicos:

- Mellora da calidade do servizo de banda longa.
- Asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE.
- Creación de portal web e actualización de contidos nos xa existentes, activados na primeira fase do Innova-TE.
- Servizo de dinamizadores tecnolóxicos, que prestarán asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais para fomentar o uso da - Administración Electrónica e sacarlle o máximo partido.
- Centro de Asesoramento Tecnolóxico. Prestarase un servizo de asesoramento tecnolóxico ós Concellos para resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir no uso dos servizos implantados, tanto na primeira fase do Innova-TE, como nesta segunda, agora en marcha.
- Elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de datos de Carácter Persoal, ó que están obrigadas as administracións locais.
- Realización dunha auditoría sobre a dotación de infraestruturas tecnolóxicas que lles foron proporcionadas na primeira fase do Innova-TE co fin de garantir o seu correcto funcionamento e determinar a súa continuidade ou mellora.

Concellos beneficiados

Os Concellos da Montaña e da zona centro que decidiron sumarse, de xeito voluntario ó Innova-TE e, polo tanto, contan con estes servizos a custe cero, son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Rábade, e Ribeira de Piquín.

Municipios que rexeitaron estas prestacións

Inexplicablemente, a pesares do custe cero para as arcas municipais e as vantaxes do Innova-TE, os Alcaldes de Cospeito, Guntín, Outeiro de Rei, Vilalba, Xermade, rexeitaron sumarse ó programa da Deputación, impedindo que os máis de 30.000 veciños destes municipios conten con acceso wifi gratuíto en prazas públicas e consistorios, entre outras prestacións que o organismo provincial está a levar gratis ós Concellos co seu programa tecnolóxico.