Deputación de Lugo

A Deputación amosa en Viveiro cunha masterclass cómo combinar creatividade e tradición na cociña autóctona

Alfredo Llano participou nesta iniciativa, que tivo lugar no Restaurante Panorámico, onde o chef Raúl Sanz amosou ós participantes como preparar pratos con produtos da MariñaO menú cociñado incluíu a preparación de vieiras, polbo, ourizos, pescada, entre outros alimentos, destacando as súas posibilidades culinarias para impulsar o seu consumo A vindeira masterclass celebrarase en Foz, o mércores 6 de novembro ás 17:00 horas. Para participar cómpre enviar un correo a lugo2@deputacionlugo.org ou chamar ó 982-22-13-47

A Deputación organizou este martes en Viveiro, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass de cociña en impulso dos produtos autóctonos. Nesta ocasión a sesión, que tivo lugar no Restaurante Panorámico, estivo dirixida polo chef Raúl Sanz e dedicada ós produtos da Mariña. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, sumouse á iniciativa, que busca potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia, mostrando a súa variedade, calidade e todas as súas posibilidades culinarias.

Os participantes nesta iniciativa prepararon pratos baseados en alimentos do mar e da matanza cun toque creativo. O menú cociñado incluíu aperitivos de piruletas ó allo con algas, milfollas de polbo e patacas, e marmelo con chourizo; uns pratos principais a base de gambas, polbo, salmón, ourizos, pescada e presa de porco, e unha sobremesa de chocolate negro con crema de queixo do Cebreiro.

As masterclass melloran a comercialización dos produtos autóctonos ó amosarlles ós cociñeiros e hostaleiros todas as posibilidades culinarias dos alimentos propios da provincia. A iniciativa enmárcase dentro da aposta da Deputación pola economía medioambiental como oportunidade de futuro para a provincia, capaz de xerar riqueza a través dos recursos naturais. O organismo provincial desenvolve numerosas iniciativas, ó amparo do programa europeo Lug02, para impulsar os produtos autóctonos, como as marcas de calidade LugoSabe e Lug02, ou a primeira plataforma de comercio electrónico da provincia (www.losproductosdelugo.com), creada pola Deputación co fin de xerar imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para PEMES e autónomos lucenses.

Próxima cita en Foz

Polo momento xa se desenvolveron masterclass en localidades como Monforte, O Valadouro, Cervantes e Chantada e en todas se empregaron produtos propios de cada zona fomentando así a cociña de proximidade. As xornadas están dirixidas principalmente a profesionais hostaleiros e estudantes do ramo, aínda que tamén poden participar veciños en xeral. A próxima cita celebrarase no restaurante Xoíña en Foz, o mércores 6 de novembro ás 17:00 horas. As prazas son limitadas para favorecer a aprendizaxe e os interesados poden inscribirse no correo lugo2@deputacionlugo.org ou no teléfono 982-22-13-47.