Deputación de Lugo

A Deputación insta ós Gobernos Central e Autonómico a explicar porque Galicia é a Comunidade de España con menos fondos da PAC

Imaxe deputación de lugo
Galicia é a 2ª Comunidade de España con máis traballadores no sector primario, con 60.000 dos que 30.000 son lucenses, pero será a que menos axudas recibe da PAC porque “Rajoy, co consentimento de Feijóo”, impuxo a súa distribución en función do número hectáreas e non do empregoIsto beneficia, por exemplo, á Duquesa de Alba, propietaria pero non produtora, mentres prexudica ós produtores de leite, que en Lugo xa pagan 72 millóns de euros só por impostos. “E un novo lastre das políticas da dereita para un sector no que en Galicia se destruíron 10.000 empregos dende 2009”O Goberno Provincial leva ó Pleno unha proposta para esixir ós Executivos estatal e galego que concreten as previsións do reparto das axudas da PAC e os posibles beneficiados; e que impulsen o sector con proxectos rendibles, “xusto ó contrario do plan estrela de Feijóo: Alimentos Lácteos”

O Goberno Provincial da Deputación leva ó Pleno deste martes unha proposta coa que insta á Xunta e ó Executivo Central a explicar porque Galicia é a Comunidade de España que menos axudas recibe da PAC, cando é a segunda co maior número de ocupados no sector primario, despois de Andalucía. Son 60.000 os traballadores galegos neste sector, representando o 11% do total nacional, dos que 30.000, é dicir, ó 50%, son lucenses.

A proposta do Executivo lugués xorde logo de que a Unión Europea concedese a España unha partida de 50.000 millóns de euros coa PAC ata 2020, e o Goberno Central impuxese o reparto destas axudas, non en función do emprego, sendo a primeira vez na historia que acontece isto, senón polo número de hectáreas, priorizándoo, ademais, por riba da produción.

Isto beneficia, por exemplo, á Duquesa de Alba, que é propietaria pero non é produtora, mentres prexudica ós produtores de leite. Segundo o último Censo Agrario, a media de hectáreas por explotación en Galicia é de 7,05 fronte ás 46 doutras rexións. Todo isto supón, que a Comunidade galega siga sendo a que menos fondos recibe coa PAC, cando España é o país que máis axudas recibe da Unión Europea.

A isto engádese, o recorte nos fondos para a PAC nun 13%, con respecto ó sexenio anterior; porcentaxe que se verá incrementada nun 6%, cos novos recortes que ten previsto aplicar o Goberno Central nos vindeiros anos.

“Lastre das políticas da dereita para un sector que perdeu 10.000 empregos en Galicia”

“A imposición de Rajoy, consentida por Feijóo, é un novo lastre, motivado polas políticas da dereita, que supuxo que, dende 2009, se destruísen 10.000 empregos en Galicia”, remarca o Goberno Provincial. Por exemplo, os produtores de leite en Lugo pagan 72 millóns de euros, unha media de 4.000 euros por profesional, debido ós efectos da Redución de Módulos de Cotizacións nas Declaracións da Renda, aplicada, recentemente, polo Ministerio de Facenda, e que supuxo, un incremento nos custes do IRPF do 12%, no caso do leite, e dun 6%, no da carne. Todo isto, mentres os actuais prezos do leite son semellantes ós de hai 6 anos atrás, e cando os dos pensos, fertilizantes ou enerxía se incrementaron ata o 60%.

O Executivo lugués mantén que o sector agrogandeiro está moi endebedado e precisa estabilidade, por iso as administracións central e autonómica teñen que velar polo reparto das axudas da PAC e polo cumprimento da lei; teñen que garantir a supervivencia das explotacións gandeiras das que dependen tantas familias na provincia de Lugo, aportando solucións económicas que permitan manter os postos de traballo existentes no rural; teñen que apoiar aqueles proxectos que sexan viables, concedéndolles o mesmo trato que o dado a Alimentos Lácteos; entidade que se atopa en fase de liquidación dende o 6 de setembro, e para a que o Executivo Galego volcou numerosos esforzos, tal e como revala o informe do administrador, que recolle a aportación de catro préstamos por parte do Executivo de Feijóo, a través de Xesgalicia, por valor de máis de 4 millóns de euros para esta Cooperativa cando esta se atopaba na fase de concurso de acreedores.

Acordos da proposta

Polo todo isto, a proposta que o equipo de Goberno Provincial leva ó Pleno deste martes conleva os seguintes acordos:

A) A Deputación de Lugo esixe ós Goberno Central e Autonómico que concreten as previsións que manexan para o reparto dos 50.000 millóns de euros ata 2.020 da PAC; que expliciten quenes van a ser os perceptores destas axudas: os agricultores en producción, calquera propietario de terras…; e xustifiquen porque imos seguir sendo unha das Comunidades que menos diñeiro percibe por beneficiario e por hectárea da Política Agraria Común, cando somos unha da principais Comunidades coa maior produción agrogandeira de toda España e contamos cunha importante poboación activa agraria tanto en termos absolutos como porcentuais.

B) O organismo provincial insta ós Executivos de Rajoy e de Feijóo a que poñan en marcha medidas estruturais que revertan esta situación e contribúan a resolver a grave crise e a falta de liquidez das explotacións lucenses.

C) A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia que impulse o sector agrogandeiro lucense con proxectos que sexan rendibles tanto económica como socialmente, xusto ó contrario do plan estrela do goberno de Feijóo na provincia: Alimentos Lácteos, con resultados ruinosos para o sector e, especialmente, para os gandeiros e empregados da factoría de Outeiro de Rei.