As firmas lucenses Artecaurel, Imavi e Sra. María reciben os galardóns ós tres mellores expositores do XVII Artesanfroilán
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, fixo entrega este sábado dos galardóns ós mellores expositores do Artesanfroilán. Por primeira vez nesta 17ª edición, os premios entregados foron tres, dotados con 600, 300 e 100 euros. O recoñecemento nesta ocasión foi para tres firmas de artesanía lucenses: Artecaurel, Imavi e Sra. María, que quedaron clasificadas en primeiro, segundo e terceiro lugar, respectivamente.
A Deputada subliñou o feito de que as tres firmas gañadoras sexan lucenses e que, ademais, detrás das firmas estean tres emprendoras, mulleres que son exemplo de traballo e iniciativa.
Artecaurel é o selo da artesana e pintora Carmen López, que ten na Montaña luguesa a súa inspiración; Iria Pigueiras, viveirense, está detrás da firma de xoiería e complementos Imavi, caracterizada polas súas creacións en materiais coma arxila ou flores secas. Sra. María é Noela Feal, afincada en Vilaba e que fixo da artesanía téxtil a súa forma de vida. As tres foron premiadas polos membros do xurado, que valoraron aspectos coma o deseño do posto, a presentación do produto, a orixinalidade, o seu carácter ecolóxico e sustentable e en definitiva, a comisión valorará calquera outro aspecto que supoña un esforzo decidido para mellorar a imaxe da feira.
Gran afluencia de público
O bo tempo que predominou estes días contribuíu a que numeroso público se achegase ata Artesanfroilán. Pezas de téxtil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, olería, vidro, zapatos, xoiería, marquetería, cestaría, bisutería ou bonequería formaron parte da variada oferta deste ano.
Artesanfroilán é unha mostra consolidada en todo o territorio español pola súa rendibilidade. A cambio dunha pequena aportación de cada artesán, tres veces mais barato que calquera outra mostra celebrada en Galicia, o volume de negocio sitúase cada ano en torno ós 100.000 euros, ademais de que a Deputación colabore facilitando as instalacións necesarias para a súa posta en marcha.