Deputación de Lugo

A Deputación finaliza o Plan de Rebacheo dotado de 3 millóns de euros na rede viaria provincial máis extensa de España

102 operarios e 54 máquinas melloraron con rego asfáltico todos e cada un dos puntos das estradas provinciais nos 67 Concellos lucenses que así o necesitabanMartínez adianta que este Plan complementarase co aglomerado en quente doutros 100 quilómetros e coa reposición de sinais en vías de “Concellos de todas as cores políticas”

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, avanzou este mércores que a institución rematou o Plan de Rebacheo na rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros, ó que achegou máis de 3 millóns de euros para acondicionar con rego asfáltico todos e cada un dos puntos das estradas da súa responsabilidade nos 67 Concellos lugueses que así o necesitaban.

102 operarios e 54 máquinas realizaron estas tarefas, coordinados por 16 capataces e vixiantes que durante os últimos meses recompilaron as necesidades e as solicitudes veciñais ó respecto da rede viaria provincial, precisamente, para darlles resposta.

Este dispositivo distribuíuse polas 8 zonas da rede viaria provincial:

- Zona 1: 15 traballadores e 7 vehículos, que actuaron nos 530 quilómetros provinciais dos municipios do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.

- Zona 2: 24 operarios e 10 máquinas nos 618 quilómetros do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.

- Zona 3: 8 traballadores e 4 vehículos nos 668 quilómetros de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.

- Zona 4: 8 operarios e 4 vehículos nos 680 quilómetros de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.

- Zona 5: 15 operarios e 7 vehículos nos 332 quilómetros da Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.

- Zona 6: 8 traballadores e 8 máquinas nos 334 quilómetros en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

- Zona 7: 18 traballadores e 10 máquinas nos 313 quilómetros de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.

- Zona 8: 6 operarios e 5 vehículos nos 738 quilómetros de Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

Novas actuacións

Martínez adiantou que o Plan de Rebacheo complementarase cunha nova programación que consistirá no aglomerado en quente duns 100 quilómetros e na reposición de sinais, que afectará a vías de “Concellos de todas as cores políticas”. O organismo provincial xa mellorou o firme con aglomerado en quente de 1.000 quilómetros e executou un plan de sinalización na totalidade da rede viaria provincial, que supuxo:

- Colocación de máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
- Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
- Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
- Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
- Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.