Deputación de Lugo

A Deputación reforza con 2,8 millóns de euros a conservación da rede viaria provincial máis extensa de España

A Xunta de Goberno de mañá aprobará a contratación das tarefas de mantemento de 3.200 quilómetros de vías en 51 Concellos. En vindeiras sesións, transcorridos os prazos legais, adxudicará estes traballos noutros 1.000 quilómetros de 16 municipiosMartínez remarca que Feijóo mantén bloqueada a transferencia de estradas cando a Xunta conta cun orzamento máis de 100 veces superior ó da Deputación para a conservación de 5.500 quilómetros de estradas. “Velaquí un exemplo máis de discriminación ós lucenses”

A Deputación reforza a conservación da rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros, cun novo investimento de 2,8 millóns de euros. A Xunta de Goberno aprobará mañá a contratación dos traballos de mantemento de 3.200 quilómetros de estradas en 51 Concellos, por valor de 2 millóns de euros. O organismo lugués reserva 800.000 euros máis para as tarefas de conservación doutros 1.000 quilómetros de vías en 16 municipios, que se adxudicarán en vindeiras sesións, transcorridos os prazos legais.

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, subliñou que “facemos un gran esforzo inversor para garantir, dentro das nosas posibilidades, o mantemento da que é a rede viaria provincial máis extensa de España. Temos 4.200 quilómetros de vías baixo a nosa responsabilidade mentres a Xunta de Galicia, cun orzamento máis de 100 veces superior ó da Deputación de Lugo, ten 5.500 quilómetros. Nembargantes, isto a Feijóo dálle exactamente igual, mantendo bloqueada a transferencia de estradas dende que chegou ó Goberno galego. Velaquí un exemplo máis de que Feijóo discrimina ós lucenses”.

Distribución do orzamento

Os 2,8 millóns de euros para a conservación da rede viaria distribúese do seguinte xeito:

- 319.413 euros para os 530 quilómetros de estradas provinciais nos Concellos de O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.

- 317.443 euros para 668 quilómetros en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.

- 324.401 euros para 680 quilómetros en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.

- 314.155 euros para 332 quilómetros en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.

- 301.667 euros para os 313 quilómetros en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.

- 338.316 euros para os 738 quilómetros en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo

Ditos labores de mantemento da rede viaria provincial son os que se acordarán contratar este venres. Para as restantes tarefas, que se adxudicarán unha vez rematados os prazas legais para a presentación de ofertas, a Deputación reserva uns 800.000 euros, distribuídos do seguinte xeito:

- 416.845 euros para os 618 quilómetros no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.

- 421.080 euros para os 334 quilómetros en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.