Deputación de Lugo

A Deputación ensina a medio cento de empresas da Mariña como promocionarse nas redes sociais

Imaxe deputación de lugo
Trátase da primeira das dúas xornadas formativas gratuítas que a institución provincial organiza en Viveiro para empresas sumadas ó programa Reacciona coas TICA vindeira sesión celebrarase novamente no CeMIT de Viveiro o vindeiro 1 de outubro e nela abordaranse temas coma o “xeomárketing” e os códigos QR

A Deputación de Lugo vén de celebrar este xoves a primeira das dúas xornadas de formación que ofrecerá, de xeito gratutíto, a medio cento de PEMES e autónomos da Mariña inscritos no programa Reacciona coas TIC. A xornada de hoxe, que se desenvolveu na aula do CeMIT de Viveiro, estivo centrada nas posibilidades que as novas tecnoloxías ofrecen ás empresas e cales son os mecanismos máis efectivos para promocionarse nas redes sociais.

Reacciona coas TIC, programa posto en marcha pola institución provincial e pioneiro en Galicia, permite a un total de 150 negocios recibir un novo impulso á súa actividade grazas ás iniciativas incluídas no mesmo, coma a análise das necesidades informáticas destas empresas e autónomos, a dotación de ferramentas tecnolóxicas e a formación gratuíta para aproveitar do mellor xeito posible estas mesmas ferramentas. Reacciona coas TIC está financiado nun 80% por fondos europeos a través do programa Innova-TE2.

A acción formativa que comezou hoxe conta de dúas fases, con contidos estruturados a partir das necesidades detectadas nas empresas participantes logo do estudo individualizado de cada unha delas. Nesta primeira xornada abordáronse temas coma as diferentes opcións que ofrecen as redes sociais, aprendendo a crear, por exemplo, unha páxina propia en Facebook; aproveitar as novas tendencias de comunicación a través dos teléfonos móbiles para promocionar un negocio, ou dar de alta un negocio en Google. A vindeira sesión, que tamén se celebrará no CeMIT viveirense o vindeiro día 1 de outubro, entre as 15:30 e as 18:30 horas, abordará outro tipo de interesantes cuestións, coma o chamado “xeomárketing”, aprendendo os segredos de Foursquare, a maior rede social de xeoposicionamento, ou realizar os seus propios códigos QR, interesante ferramenta enfocada a vincular o mundo real co virtual.