Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle este venres unha conferencia sobre as novas técnicas de investigación arqueolóxica

O arqueólogo ­Xurxo Ayán Vila abordará as modernas técnicas de investigación de cerámica castrexa na charla que se celebrará este venres ás 19:00 horas na Capela de Santa María.Esta conferencia é complemento da mostra A cerámica castrexa en Galicia, a cal continuará aberta ó público na Capela de Santa María ata o 29 de setembro, no horario habitualO CENTRAD continúa coa súa programación de cursos, para os que aínda restan algunhas prazas dispoñibles. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.org

A Capela de Santa María acolle este venres, a partires das 19:00 horas, unha interesante conferencia do experto arqueólogo Xurxo Ayán Vila, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago e Arqueólogo e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, falará acerca das novas técnicas arqueolóxicas empregadas na actualidade, en particular das enfocadas á investigación dos xacementos de cerámica castrexa.

Esta conferencia, que leva por título Arqueoloxía de Nova Ola: microhistorias cerámicas dos castros lucenses, é un complemento perfecto para a mostra A cerámica castrexa en Galicia, que permanecerá aberta ó público na Capela ata o vindeiro día 29 de setembro, nos seus horarios habituais. A exposición reúne un total de 61 réplicas de pezas procedentes de 24 xacementos castrexos, 4 deles da provincia de Lugo (Barán, Viladonga, Zoñán e Illa de Suances), ou reconstrucións nunca antes expostas do Castro de Viladonga, elaboradas con minuciosas técnicas: a partir dos fragmentos cerámicos atopados nos castros, realizaron debuxos arqueolóxicos das pezas para, a continuación, comprobar as pegadas decorativas e empregar a técnicas axeitadas para reproducilas.

Prazas libres nos cursos do CENTRAD

O Centro de Artesanía e Deseño continúa coa súa programación de cursos de artesanía previstos para a segunda tempada do 2013. Son un total de 28 cursos con 245 prazas dispoñibles, que ofrecen máis de 1.700 horas de formación en grupos reducidos para facilitar a aprendizaxe. Están centrados en diversas materias coma arranxo de prendas de vestir con técnicas coma a incrustación de pedrería; tear; construción de instrumentos musicais; escultura en cerámica ou iniciación á tapicería. Algúns destes cursos celebraranse nos Concellos de Burela, Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá, Becerreá e Navia de Suarna.

Aínda hai algunhas prazas dispoñibles, nas que os interesados poderán inscribirse ata cinco días antes do comezo de cada curso entrando na web www.deputacionlugo.org. Nesta mesma páxina poderán atopar máis información sobre datas, horarios ou prezos de matrícula.