Deputación de Lugo

A carne de raza cachena, protagonista da Masterclass da Deputación nas Nogais

15 chefs participaron nesta iniciativa, celebrada no Hotel Urogallo, que forma parte da aposta da institución polo medio ambiente como oportunidade económica da provincia

A Deputación organizou nas Nogais, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass gratuíta de cociña autóctona en impulso dos produtos da zona. A xornada desenvolveuse no Hotel Urogallo. Nela participaron 15 chefs que aprenderon a preparar un menú composto por carne de cachena, procedente da Granxa San Breixo.

A chef local Carmen Santín amosou ós asistentes como facer un menú propio da Montaña, baseado nos produtos de temporada. Os participantes elaboraron un primeiro prato de caldo galego, un segundo prato co lombo de cachena ó forno e guarnición, así como unha sobremesa de torta de noces e queixo da Montaña con marmelo caseiro. A carne de tenreira procede das cachenas de San Breixo, empresa que conta co distintivo de calidade LugoSabe. O porco, as verduras e as noces son de produtores da zona e o queixo conta coa Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro.

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación polo medio ambiente, como oportunidade económica para a provincia. Coas masterclass, a institución impulsa os produtos autóctonos, fomentando a súa comercialización en establecementos da provincia, como xeradores de novas oportunidades económicas pola súa calidade. O organismo provincial xa celebrou clases de cociña autóctona en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro, Viveiro e Foz. En todas elas, empregáronse produtos propios de cada zona como, por exemplo, hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros.

Durante o mes de decembro, celebraranse outras dúas citas gastronómicas en Sarria e en Vilalba dedicadas a dous produtos de sona nestas zonas, como son a carne de porco celta e o capón.

A Deputación potencia, ademais, os produtos autóctonos coas marcas de calidade LugoSabe que posúen 115 produtores lucenses que comercializan máis de 400 produtos, ou coa primeira plataforma de comercio electrónico da provincia, www.losprodutosdelugo.com, na que se venden mediante Internet 250 alimentos de calidade, como aceites, conservas, mel, marmeladas, pan, queixos, viños, licores, embutidos ou mariscos, entre outros.