Deputación de Lugo

A Deputación subiu un 90% en dous anos os investimentos para crear emprego, ata acadar os 12,8 millóns no 2014

Fronte ós continuos recortes da Xunta, “que renunciou a loitar contra o paro”, o Goberno provincial reforza os investimentos en emprego, a súa “máxima prioridade”, no Orzamento do vindeiro ano, que se mantén en 89 millóns de euros A pesar de que non conta co apoio do Executivo de Feijóo, consegue aumentar por 2º ano a partida de Servizos Sociais. Achega medio millón de euros máis, acadando os 2,9 4,5 millóns rematan o 1º centro público de recría de gando de España, que na última fase das obras manterá 200 empregos en Lugo, e coa súa apertura potenciará o sector agrogandeiro galegoA débeda baixa 11 millóns no 2014 para seguir á cabeza das entidades provinciais de toda España menos endebedadas e chegar ó endebedamento cero no 2016

A Deputación de Lugo subiu un 90% en dous anos os investimentos para crear emprego, ata alcanzar os 12,8 millóns en 2014. Así o anunciou este venres o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, na rolda de prensa na que, xunto ó Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga Outeiro, e a Deputada de Economía, Pilar García Porto, presentou o Orzamento da entidade para o vindeiro ano. Crear emprego para xerar riqueza e fixar poboación e a “máxima prioridade” dos presupostos, que ascenden a 89 millóns de euros, unha cantidade que se mantén con respecto a este 2013. A este primeiro compromiso súmanse garantir uns servizos públicos de calidade; cooperar ó máximo cos Concellos; e manter, ó mesmo tempo, unhas contas públicas saneadas.

Fronte ós continuos recortes da Xunta, “que renunciou a loitar contra o paro”, a Deputación de Lugo reforza os investimentos en emprego. No 2014 “executaremos programas por valor de 12,8 millóns de euros, centrándonos nos parados de longa duración, nos mozos e nos desempregados maiores de 55 anos”, subliñou o Presidente. As partidas económicas novas -que suman 5,7 millóns- están contempladas no Orzamento, e o importe restante -7,1 millóns- correspóndense a fondos que o organismo lugués conseguiu captar, tanto da Unión Europea, como do Estado, “dos que xa dispoñemos e que imos executar o vindeiro ano”, explicou Gómez Besteiro. Trátase do Pacto Provincial polo Emprego e do plan de emprego en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI).

Deste xeito, a Deputación aumentou un 90% en dous anos os investimentos en emprego, pasando de 1,5 en 2012 a 12,8, en 2014, un esforzo inversor que contrasta co da Xunta, indicaron tanto o Presidente, como o Vicepresidente Primeiro e a Deputada de Economía. “Respondemos con responsabilidade e eficacia a un drama que non ten resposta por parte da administración coas competencias na materia”, subliñou Besteiro. “A Xunta non está nin se lles espera, non pon en marcha ningunha política activa de emprego”, engadiu Veiga.

Neste senso, García Porto cualificou de “despropósito” e pediu ó PP “que recapacite ante o problema máis grave deste país”, despois de presumir que a Xunta destinou este ano na provincia 4 millóns de euros a emprego, cando a Deputación, con 100 veces menos de orzamento, vén de anunciar 12,8 para o 2014”.

Remata o centro de recría

No 2014, a Deputación inviste 4,5 millóns para rematar o 1º centro público de recría de gando vacún de España, que abrirá no 2015. Con este proxecto contribúe a crear emprego na provincia, pois a última fase das obras garante 200 postos de traballo en Lugo, e a posta en marcha das instalacións potenciará o sector agrogandeiro, estratéxico para Galicia. “Achegamos 12 millóns de euros, sen ningún apoio da Xunta, que, pola contra, si deu diñeiro público a un fracaso anunciado como o de Alimentos Lácteos”, explicou Besteiro.

Emprego na conservación de estradas

O Orzamento reserva 4 millóns de euros para o Plan de Conservación da rede provincial máis extensa de España, con 4.200 quilómetros, “co que contribuímos a soster uns 350 empregos nas empresas adxudicatarias destes traballos”, afirmou o Presidente.

Turismo, cultura e deporte

Ademais da súa función social, os investimentos nas áreas de Turismo, Cultura e Deporte, que suman 9,7 millóns de euros no 2014, “son xeradores de emprego”, recalcou o Vicepresidente Primeiro. A Deputación lucense segue sendo a que máis inviste de todo o Estado en Deporte por habitante e ano, despois das forais vascas e os cabildos, explicou Antonio Veiga, engadindo que se manteñen as partidas de 2,1 millóns en axudas a clubs deportivos e 480.000 para colectivos culturais.

Polos servizos públicos de calidade

Aínda que non conta co apoio do Goberno galego, a Deputación, destacou Besteiro, consegue aumentar por segundo ano a partida de Servizos Sociais. Se en 2013 subiu un 12%, en 2014 súmalle medio millón de euros, ata acadar os 2,9. Continúa ademais coa rede de residencias e centros de día públicos da terceira idade, para a que dispón de 15 millóns de euros. En 2014 rematarán as obras da Fonsagrada, Castroverde, Trabada, Pedrafita e Pol, e ás de Navia de Suarna e Ribas de Sil comezarán nas vindeiras semanas.

O Vicepresidente destacou neste eido que, “mentres a Xunta suprime dia si e día tamén liñas de axuda a benestar”, a Deputación mantén 250.000 euros para colectivos que traballan neste ámbito; dedica 1,3 millóns ó Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “a Deputación galega que máis achega”, garante a teleasistencia domiciliaria, e abre unha liña de axudas de concorrencia para todos os Concellos que queiran asumir o copago de medicamentos dispensados en farmacias hospitalarias imposto polo Goberno central.

Máxima cooperación cos Concellos

Ademais de asistencia en todo tipo de materias (urbanística, económica, xurídica, recursos humanos...), continúan programas para axudar ás entidades locais a aforrar na factura eléctrica; na implantación da administración electrónica e o goberno aberto; e a gañar liquidez co Sistema de Recadación Provincial. En canto a investimentos, destina 7,4 millóns de euros ós 67 Concellos a través dun plan de infraestruturas de interese veciñal, dotado con 2,2 millóns; o Plan de Obras e Servizos (POS), que mantén cun orzamento de 3 millóns, “a pesar de que o Goberno central segue desaparecido” e a achega do Consorcio Provincial de Bombeiros, de 2,2 millóns.

Contas solventes e estables

As contas da Deputación mantéñense solventes e estables. No 2014, a débeda baixa en 11 millóns de euros, case 4 millóns máis do que inicialmente estaba previsto, co que a final do vindeiro ano quedará en 26 millóns. Ademais, por terceiro ano, non recorre a operacións de crédito. Esta situación permitiralle manterse á cabeza das menos endebedadas de España e acadar o endebedamento cero no 2016, mantendo os investimentos.