Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor a riqueza medioambiental da Montaña luguesa cunha ruta a pé gratuíta por Becerreá

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial organiza hoxe unha ruta de sendeirismo de 8 quilómetros ata a Cova dos Mouros, para xente de todas as idadesEsta iniciativa forma parte da programación do Centro de Interpretación Terras do Miño. Máis información sobre esta e outras actividades en www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo organiza hoxe unha ruta de sendeirismo para descubrir a Cova dos Mouros, no Concello de Becerreá, na que os participantes coñecerán de primeira man unha das moitas riquezas do patrimonio natural e etnográfico da Montaña luguesa. A iniciativa é un dos tres roteiros gratuítos que forman parte da ampla programación de actividades do Centro de Interpretación Terras do Miño para o último trimestre do ano.

Logo da ruta que o pasado 27 de outubro percorreu diferentes paraxes da Serra do Courel, nesta ocasión os participantes toman parte nun roteiro de 8 quilómetros que parte dende o mercado gandeiro de Becerreá cara Vilar de Ousón, Cova de Mouros, O Castro e Cruzul. Trátase dun camiño de dificultade baixa, polo que é axeitado para persoas de calquera idade, e pensada para un grupo reducido, co obxectivo de minimizar o impacto ambiental. A terceira das rutas programadas discurrirá por terras de Guitiriz o 15 de decembro, e dará a coñecer parte da riqueza mineromedicinal da provincia.

Esta actividade é unha das moitas que compoñen a programación do Centro de Interpretación Terras do Miño para o último trimestre do ano, que inclúe obradoiros e actividades para toda a familia. A próxima cita será o día 27 de novembro en Ribadeo, onde terá lugar un obradoiro para adultos sobre Economía sostible no fogar.

Para obter máis información sobre estas ou outras actividades do Centro de Interpretación, os interesados poden visitar a web www.deputacionlugo.org ou chamar ó teléfono 982 227 812.