Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a participación cidadá na busca de estratexias para o futuro da Reserva dos Ancares Lucenses

Sonsoles López Izquierdo presidiu a mesa sectorial na que entidades políticas, económicas e sociais achegaron ideas para a conservación e desenvolvemento deste territorioO órgano reitor reunirase a vindeira semana para aprobar definitivamente o Plan de Acción para a Reserva da Biosfera de Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá Este xoves celebrarase a mesa sectorial correspondente á Reserva da Biosfera Terras do Miño que reunirá a outros 20 participantes para o intercambio de ideas

A Deputación impulsa a participación cidadá na busca de estratexias para o futuro da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Á mesa sectorial, presidida pola Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, foron convocadas 45 entidades relacionadas con este territorio entre os que se atopan os alcaldes dos Concellos incluídos na Reserva da Biosfera, os grupos políticos con representación na corporación provincial, e asociacións empresariais, culturais e ecoloxistas.

A Deputación organiza esta xuntanza, potenciando o intercambio directo de opinións, o aporte de ideas e a posta en común e consenso respecto ás liñas xerais do Plan de Acción da Reserva. O organismo provincial expuxo publicamente o documento, que non recibiu alegacións para continuar coas mesas sectoriais o trámite de participación. Esta reunión forma parte do empeño da institución por fomentar a participación na toma de decisións relacionadas co territorio, buscando involucrar a cidadanía en iniciativas que se baseen nos recursos naturais e na súa conservación para o desenvolvemento económico e a fixación da poboación.

O Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses, Montes de Becerreá, Navia e Cervantes, reunirase a vindeira semana para aprobar definitivamente este plan de Acción que comprende 7 liñas estratéxicas a desenvolver nos vindeiros 10 anos e conta cun orzamento de 2 millóns de euros.

A institución provincial luguesa comezou o pasado ano a traballar na creación do Plan de Acción encamiñado á potenciación daqueles aspectos que se teñen revelado coma oportunidades de desenvolvemento para estes territorios reservados: a conservación das tradicións, a potenciación da produción e comercialización dos produtos autóctonos de calidade, o turismo de montaña e a biodiversidade do territorio e o seu estudo. Para a súa elaboración realizáronse numerosas entrevistas a expertos, representantes dos Concellos involucrados, representantes dos grupos políticos e de asociacións e organizacións sociais e profesionais agrarias, de montes, de turismo rural, ecoloxistas e de defensa do patrimonio, entre outras. Deste xeito, grazas á implicación do organismo lugués, tanto as administracións coma a cidadanía teñen voz na toma de decisións sobre as accións que se leven a cabo nun futuro nestes espazos naturais.

Este xoves celebrarase a mesa sectorial correspondente á Reserva da Biosfera Terras do Miño á que están invitadas unha trintena de entidades relacionadas coa conservación e o desenvolvemento socioeconómico deste territorio.