Gómez Besteiro avoga pola participación cidadá, a discusión política e o consenso como 'única saída á crise'
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez, presentou este martes o libro Análise das eleccións autonómicas galegas do 21 de outubro de 2012, no que cinco cronistas e expertos en política reflexionan sobre o sistema electoral vixente, en particular no caso de Galicia. Gómez Besteiro destacou que abordamos un tema de plena actualidade demostrando, unha vez máis, que esta institución afronta as cuestións que lle preocupan á xente en política. Defendo que, fronte á situación que vivimos, que non é só unha crise económica, senón tamén ideolóxica, a política é a única resposta posible á saída destes problemas, porque a política nos reconcilia con outro concepto esencial que é o concepto da democracia, da decisión compartida entre todos do noso futuro. Saliento o esforzo que temos que facer todos, todos, non só os que estamos á fronte das administracións ou temos responsabilidades políticas, senón tamén os cidadáns, para saír desta situación con discusión política e, polo tanto, cunha democracia máis e máis forte
Baixo esta premisa, explicou o titular provincial, a Deputación apoiou a realización do curso celebrado no Centro Asociado da UNED, no que se analizaron as eleccións autonómicas galegas do 21 de outubro do 2012, que foi xerme desta publicación. Esta publicación recolle unha reflexión obxectiva, sen ningún tipo de excentricidades en canto á análisis derivada da propia política. Aborda o sistema electoral, as normas do xogo democrático, as regras estratégicas do sistema político no que cremos. Esta regras, cando pretenden ser mudadas, requiren dun amplo consenso para que se manteñan no tempo.
Neste senso, o Presidente subliñou que hai que afondar no consenso e, para iso, hai que falar do tema, do noso sistema electoral, de como está, como se pode mellorar, como a situación política non é a mesma que a de hai 30 anos e, polo tanto, a vida política e o réxime local debe adaptarse ás novas necesidades, porque hai vida fóra dos Parlamentos, e esa vida tense que transmitir nos Parlamentos. Esas reflexións ponderadas e sensatas, cando ainda faltan 3 anos para as eleccións autonómicas, débense introducir no discurso político, nun debate sensato, sin radicalismos, dende a tranquilidade e dende a confianza que dá o criterio sensato da discusión política que é esencial.
Participaron na presentación Fernando Martínez Arribas, que ademais de coautor é coordinador da publicación; Ana Belén Traseira, Secretaria do Centro Asociado da UNED de Lugo, e Lucila Ventoso, responsable da Editorial Andavira.
O libro
O libro presentado hoxe contén os relatorios dos expertos participantes nun curso celebrado na sede da UNED en Lugo o pasado ano. O curso contou con sesións teóricas e prácticas nas que se someteu a análise o proceso electoral celebrado en Galicia en outubro do 2012, atendendo á perspectiva politolóxica e á dimensión xurídica da Lei Electoral vixente. Aspectos como as candidaturas presentadas; os órganos que forman parte dun proceso electoral; os resultados; o procedemento para a constitución do novo Goberno ou o papel que desempeña a Lei Electoral na asignación de escanos e a formación de maiorías foron algúns dos temas tratados polos expertos participantes.
Os autores
Álvaro Xosé López Mira, é doutor en Dereito e licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía. Profesor de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Vigo, é ademais colaborador en numerosas publicacións galegas na investigación en temas como nacionalismo e federalismo, as relacións galego-portuguesas, os sistemas electorais, as organizacións territoriais ou os diferentes sistemas políticos.
Anxo Lugilde, é doutor en Historia Contemporánea e licenciado en Ciencias da Información, é xornalista do diario La Vanguardia e columnista habitual de El Progreso. É autor de publicacións como El fin del fraguismo ou A participación política dos emigrantes galegos.
Fernando Martínez Arribas, doutor en Dereito e profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade de Vigo e de Dereito Constitucional na UNED. É autor de diversas publicacións sobre o marco institucional competencial da Unión Europea e sobre os modelos xurídicos-políticos de organización territorial e do estudo Reflexiones sobre la non nata reforma de la Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia, no que analiza a proposta de reforma da norma electoral gallega.
Antonio Carlos Pereira Menaut, doutor en Dereito e profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela, ten investigado e publicado numerosos artigos sobre teoría constitucional, federalismo e, en especial sobre o Dereito Constitucional da Unión Europea.
Enrique José Varela Álvarez, doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesor na Universidade de Vigo, é autor de diversos libros e artigos sobre a gobernanza multinivel en España. Na actualidade é do grupo de investigación da Área de Ciencias Política e da Administración da Universidade de Vigo Observatorio de Gobernanza da Universidade de Vigo.