Deputación de Lugo

A Deputación aforra 62.000 euros ó Concello do Incio mellorando vías municipais con medios do Parque Móbil

Pilar García Porto e Laura Celeiro supervisaron as actuacións consistentes na ampliación da superficie da estrada facilitándolle ós veciños o acceso con vehículos e maquinaria de traballoAs actuacións, desenvolvidas por dúas pas e un camión da Deputación, continuarán co acondicionamento das cunetas con formigón e coa a reparación do firme da vía

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, supervisaron as obras que o organismo provincial está a acometer no lugar de Outeiro, na parroquia de Toldaos, situada neste Concello, coas máquinas do parque Móbil provincial. Estas actuacións consisten na mellora da principal vía de comunicación deste núcleo, o que mellorará as comunicacións dos veciños da zona.

Pilar García Porto salientou a importancia desta obra para os veciños de Toldaos, xa que “mellora a seguridade na vía e o acceso a ducias de vivendas e fincas de traballo, ó tempo que permitirá ós veciños desta zona contar con servizos básicos municipais, como a recollida de lixo, ó que antes era máis complicado polos poucos metros desta vía”.

Laura Celeiro agradeceu a colaboración da Deputación para levar a cabo esta obra que mellorará considerablemente a calidade de vida dos veciños deste lugar e dos limítrofes.

A institución provincial desprazou á zona dúas pas e un camión do Parque Móbil que están a realizar as primeiras tarefas, consistentes na ampliación do largo da calzada dos 3 ós 4,5 metros. Unha vez rematada esta primeira fase, procederase á limpeza e ó acondicionamento con formigón das cunetas de dita estrada, e á reparación do firme nos puntos onde sexa necesario. O custe estimado destes traballos é de 62.000 euros que, grazas a esta colaboración da Deputación, aforran as arcas municipais.