Deputación de Lugo

A Deputación amplía a 500 persoas a formación gratuíta sobre profesións de futuro

A institución abre hoxe o prazo de solicitude para novas accións formativas sobre os sectores agropecuario e forestal incluídas no Fórmate en Verde, unha das súas 10 liñas de creación de emprego na provinciaOutros 58 mozos lucenses desempregados benefícianse das novas bolsas de emprego do organismo provincial, que resolverá mañá a Xunta de Goberno Provincial O Presidente presentará mañá o Orzamento da Deputación para 2014, “que novamente estará totalmente vinculado ó emprego”, logo de incrementar xa o ano pasado a partida para o fomento do emprego nun 63%

www.deputacionlugo.org.

920 persoas xa se beneficiaron do Fórmate en Verde, e están agora recibindo asesoramento personalizado para a creación de empresas ou cooperativas vinculadas ós sectores agropecuario e forestal logo de rematar coa formación práctica das 41 accións formativas nas que participaron. É dicir, con este incremento, a Deputación forma gratis a 1.420 persoas sobre profesións de futuro coas 51 actuacións que inclúe este plan de emprego.

A nova programación, con 10 accións formativas, distribúese do seguinte xeito: 4 cursos sobre gandeiría, con formación especializada sobre o sector vacún; 2 sobre agricultura, para mellorar os resultados das colleitas ou a produción vinícola; e 4 sobre o sector forestal, para o aproveitamento dos seus recursos, contribuíndo, ademais, a un modelo de xestión sostible con, por exemplo, acción formativas sobre a plantación de soutos en espazos abandonados e, posteriormente, recolleita e comercialización da castaña.

58 bolsas de emprego para mozos

García Porto ofreceu novidades sobre outra das 10 liñas de emprego da Deputación na provincia, concretamente, sobre as bolsas de emprego para mozos lucenses. A Deputada adiantou que mañá a Xunta de Goberno Provincial resolverá o proceso de selección de novas becas Leonardo da Vinci, que permitirán a 58 mozos lucenses desempregados, con titulación universitaria e Formación Profesional, mellorar a súa formación en prestixiosas empresas europeas para, posteriormente, contribuír a súa inserción laboral en España. “É un viaxe de ida e volta. Melloran a súa formación para traballar no noso país”, destacou.

Orzamento 2014

A Deputada avanzou que, tamén mañá, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, presentará na provincia o Orzamento da institución para 2014, “que novamente estará totalmente vinculado ó emprego, ó igual que este ano”. García Porto subliñou que no presuposto para 2013 xa se incrementou nun 63% a partida para fomento do emprego.