Deputación de Lugo

150 persoas comezan hoxe o proceso de selección de funcionarios interinos da Deputación de Lugo

Os aspirantes realizaron a primeira das probas da fase de oposición para optar a 9 postos de peón cos que a institución provincial reforzará o actual dispositivo de conservación de estradas provinciaisA proba celebrada hoxe consistiu nun exame teórico, ó que seguirá unha proba práctica e a valoración do currículo e experiencia profesional dos aspirantes que superen a primeira fase do proceso

A Deputación iniciou este martes o proceso de selección dos aspirantes a 9 postos de peón, en calidade de funcionarios interinos, que pasarán a prestar servizos durante un ano dentro do “Programa Piloto de reparación e asfaltado de vías da rede provincial”, de xeito que pasarán a reforzar os efectivos do organismo provincial que actualmente traballan no Plan de Conservación e Mantemento da Área de Infraestruturas e Obras, mellorando así os servizos prestados polo organismo provincial en todos os Concellos da provincia.

A proba celebrada esta mañá, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, consistiu nun exame tipo test, que servirá para xulgar os coñecementos dos aspirantes sobre a Administración pública en xeral e a local en particular, ademais doutros máis específicos sobre as funcións a desenvolver no posto a desempeñar. As persoas que o superen, pasarán á seguinte fase, que consistirá nunha proba práctica, antes de pasar á fase de concurso. Nesta, o Tribunal valorará o currículo e a experiencia profesional acreditada polos aspirantes que superen a fase de oposición. As cualificacións, así como os lugares, datas e horarios de celebración das seguintes probas faranse públicas na web www.deputacionlugo.org e no Taboleiro de Anuncios da Deputación de Lugo.

O Plan de Conservación e Mantemento da rede viaria provincial, que conta con 50 operarios e 32 máquinas, presta servizos de xeito continuado en todas as vías de titularidade provincial nos 67 Concellos da provincia. Coa creación destes 9 novos postos de traballo, as labores de mantemento das estradas provinciais veranse reforzados, de xeito que o posible deterioro no estado dos viais será menor e reducirase así o número de reparacións necesarias, co conseguinte aforro e, o que é máis importante, a circulación polos 4.200 quilómetros de estradas cos que conta a rede provincial luguesa,a máis extensa de España, será moit máis segura para o seus usuarios.

O “Programa piloto de reparación e asfaltado de vias da rede provincial” é experimental e ten unha duración inicial dun ano.