A Fundación TIC realizou un vídeo conmemorativo do 25 aniversario da Asociación de Veciños de Esperante
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputada de Economía, Facenda e Recadación, Pilar García Porto, en compaña do presidente da Asociación de Veciños de Esperante, Ángel Rodríguez Abuín, e da presidenta da Asociación de Mulleres A Casiña, Mercedes Gómez Mouriz, participou este domingo na presentación dun vídeo conmemorativo do 25 aniversario da agrupación veciñal da parroquia lucense, que foi realizado por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son de Lugo, co apoio dos profesionais da Fundación TIC.
A proxección do traballo audiovisual levouse a cabo durante a tradicional comida popular na honra de San Antón, que se celebrou no local social da agrupación, á que pertence un cento de veciños.
Percorrido histórico pola parroquia
O vídeo recolle a historia da Asociación de Veciños de Esperante, da que forma parte a agrupación de mulleres da zona, que se fundou no mes de novembro de 1988 grazas á iniciativa dun grupo de veciños disposto a traballar a prol do desenvolvemento da parroquia.
A través dunha comparativa entre as imaxes actuais e as fotografías e documentos que gardan os veciños, a reportaxe realizada pola TIC amosa ás melloras acadadas neste cuarto de século en Esperante, tanto nas comunicacións entre os diferentes lugares e núcleos de poboación, coma co alumeado das pistas, ou mesmo coa restauración da Igrexa parroquial. Outro dos logros da asociación é dispor do local social onde tivo lugar a presentación do vídeo.
O apoio social da TIC
A Fundación TIC ten asinado un convenio de colaboración coa Asociación de Veciños de Esperante, que se engade ó mais dun centenar de agrupacións veciñais, ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir as súas actividades mediante a realización de proxectos audiovisuais, na procura de complementar os coñecementos teóricos dos seus alumnos con numerosas prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa integración no mundo laboral.