Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoiará ó Consorcio do Turismo na promoción da Ribeira Sacra en Fitur

Imaxe deputación de lugo
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, participará na presentación das guías turísticas editadas polo Consorcio que se celebra mañá ás 16:30 no stand de GaliciaA institución provincial mantén unha estreita colaboración con este organismo, co que ten asinado un convenio para promover a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da HumanidadeO Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra levará a Fitur tres novas guías, ademais dunha aplicación para dispositivos portátiles e unha páxina web de rutas de sendeirismo

A Deputación de Lugo apoiará ó Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra na Feira Internacional de Turismo-Fitur, que se celebrará entre os días 22 e 26 de xaneiro, na presentación oficial de tres novas guías, unha aplicación para móbiles e unha páxina web elaboradas por este organismo turístico.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, participará no acto de presentación, o día 22 ás 16:30 horas no stand oficial de Galicia, deste material editado polo Consorcio co que a Deputación mantén unha estreita colaboración dende hai anos. De feito, este é un paso máis no traballo conxunto do organismo provincial e do consorcio, intensificado a partir do 2011 coa posta en marcha por parte do organismo lugués da campaña de promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Esta candidatura, unha aposta persoal do Presidente da Deputación de Lugo, abriu canles de participación a institucións e colectivos de toda a provincia coa redacción dun convenio de colaboración para o impulso conxunto da candidatura, que foi asinado polo propio Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, así como pola Deputación de Ourense.

Trátase dun convenio aberto a todos os interesados en tomar parte nesta campaña que, de feito, poden adherirse asinando o modelo dispoñible na web www.deputacionlugo.org, xa que a consecución da agardada declaración pasa por ser “un reto colectivo, no que ninguén é máis importante que os demais, e que só pasa pola unidade e a suma”, tal e como destacou José Ramón Gómez Besteiro o pasado mes de decembro, cando a institución luguesa remitiu dito modelo ós 67 Concellos lugueses e a centos de colectivos da provincia.

Tres novas guías

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra levará a Fitur tres novas guías, ademais dunha aplicación para dispositivos portátiles e unha páxina web de rutas de sendeirismo. A primeira das guías ofrecerá información sobre o patrimonio monumental e cultural, así como a natureza, cunha clara orientación práctica. Outra delas é un directorio de servizos e empresas da zona e o terceiro recolle unha serie de rutas de sendeirismo con información sobre as mesmas. Os contidos desta guía tamén poderán ser consultados a través da aplicación e da web.