Deputación de Lugo

Entidades e particulares de Lugo compran o 62,5% das accións do Breogán que a Deputación sacou a poxa

Nunha semana quedarán adxudicadas definitivamente, despois de celebrarse hoxe a apertura das ofertasO seguinte paso da institución provincial será levar á Xunta de Goberno un acordo para abrir un procedemento de adxudicación directa das accións que restan por vender

A Deputación de Lugo recibiu 20 ofertas para a compra do 62,5% das accións do CB Breogán que sacou a poxa. Os compradores son entidades deportivas, sociedades mercantís do mundo do deporte, a comunicación ou o comercio, entre outros sectores, así como particulares, todos eles da provincia de Lugo. Entre os compradores está o propio Breogán, que se acolleu á oferta de autocarteira, segundo o acordo adoptado no Consello de Administración da semana pasada. Disto informou a institución provincial tras a comisión de apertura e valoración das ofertas celebrada esta mañá en San Marcos, que foi presidida polo Deputado Mario Outeiro e integrada por funcionarios do organismo lugués, que non pertencen ó Consello de Administración do club.

O feito de que todos os compradores sexan da provincia ratifica o que xa garantira a Deputación: é imposible a deslocalización do club, que, como tamén avanzara a institución, pasa a ser propiedade de todos os lucenses. O Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, subliñou neste senso que é “moi boa noticia que todos os ofertantes, entidades e particulares, sexan de Lugo, tal e como nós agardábamos. Quedan enterrados deste xeito todos os medos que había na cidade, non hai risco de deslocalización e o Breogán vai seguir sendo dos lucenses”.

No prazo aproximado dunha semana, o 62,5% das accións polas que se presentou oferta quedará adxudicado definitivamente, unha vez se incorpore documentación complementaria.
Tal e como avanzou Veiga, o seguinte paso da institución provincial será levar á Xunta de Goberno un acordo para abrir un procedemento de adxudicación directa das accións restantes. “Seguiremos co proceso sen presa, pero sen pausa, ofrecendo outra vez a posibilidade de que toda a xente de Lugo opte a adquirir accións”, explicou.

Por coherencia

Coa saída do Breogán, a Deputación está a cumprir un compromiso político, pois considera que unha Administración pública non debe ser propietaria de clubs deportivos profesionais, pero iso non significa que lle retire o apoio á entidade. Deste xeito, a institución luguesa mantén o seu compromiso coa entidade breoganista, e seguirá colaborando, tanto con axudas económicas, como facilitando o uso do Pazo dos Deportes. “Estamos actuando coherentemente co que propuxemos dende o principio e sabiamos que iamos ter dificultades, pero a medida que avanzamos temos a tranquilidade absoluta de que chegaremos todos xuntos a bo porto porque todos somos Breogán”, indicou Antonio Veiga.

O Vicepresidente destacou así mesmo “o gran esforzo” que está a facer o corpo técnico e os xogadores do Breogán e describiu un panorama de futuro “esperanzador” para o club. “Iso é o que lle queremos transmitir á afección, desde logo, pero sobre todo ós xogadores, para que xoguen con tranquilidade como viñeron facendo. Isto será beneficioso para conseguir as metas deportivas que nos temos marcadas”, engadiu.