Deputación de Lugo

A plataforma de comercio electrónico da Deputación multiplicou por 7 as visitas dende a súa creación e aumentou un 25% as súas vendas

A iniciativa posta en marcha pola Deputación conta con máis de 150 empresas adheridas que ofrecen 470 produtos ou servizos agroalimentario, hostaleiro, artesán, téxtil e de lecerDas máis de 85.000 visitas contabilizadas dende a súa creación, a maioría son nacionais e a plataforma conta con preto de 2.000 amigos en facebook e 630 seguidores en twitter A compra é completamente segura e as empresas lucenses poden adherirse de xeito completamente gratuíto, recibindo ademais asesoramento para sacarlle o maior partido

A Plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com que a Deputación de Lugo puxo en marcha co fin de abrir novos mercados ás PEMES e autónomos da provincia e aumentar deste xeito os seus beneficios, multiplicou por 7 as visitas dende a súa creación no 2011. Na actualidade conta con 154 empresas adheridas, que comercializan máis de 470 produtos e servizos.

Tras case tres anos de funcionamento, a plataforma conta con empresas adheridas dos sectores agroalimentario, hostaleiro, artesán, téxtil e de lecer, entre outros. Das máis de 85.000 visitas que recibiu a web dende a súa creación, a maioría das visitas son nacionais, un 88%, e outro 12% se realizan dende o estranxeiro. A páxina web conta con 1.870 amigos de facebook, a máis de 1.000 lles gusta a plataforma que ademais ten 637 seguidores en twitter. Entre os produtos mais vendidos destacan as conservas de verduras como os grelos ou berzas, embutidos como o xamón, lacón o botelo ou o chourizo e o pan e as empanadas.

A Deputación creou en 2011 co financiamento da Unión Europea este primeiro centro comercial virtual da provincia co fin de impulsar por medio das novas tecnoloxías o desenvolvemento económico de Lugo. O portal de venda on line forma parte da aposta decidida do organismo provincial polas PEMES e Autónomos como verdadeira columna vertebral da economía lucense, pois ábrelles unha nova canle de venda dos seus produtos e xerar postos de traballo, ademais de ofrecer unha imaxe de marca dos produtos de Lugo cara ó exterior. A plataforma de comercio electrónico da Deputación é a única das súas características na comunidade galega porque ofrece en exclusiva produtos autóctonos e de calidade, e as empresas adheridas non teñen que asumir ningún custe.

Os usuarios poden acceder á plataforma entrando na dirección www.losproductosdelugo.com onde se atopan cun catálogo de produtos de alimentación, artesanía, moda, servizos de lecer, óptica, entre outros. o mecanismo para compra é rápido e sinxelo: teñen que elixir os produtos desexados, incorporalos á cesta da compra virtual e tramitar o pedido, elixindo a forma de pago. Todas as transaccións se realizan mediante unha conexión totalmente segura que garante a privacidade dos datos do comprador. O cliente, que non está obrigado a facer un pedido mínimo, recibirá o material adquirido nun mínimo de 48 horas. No caso de non quedar satisfeito, pode devolver calquera artigo nun prazo de 15 días.

A adhesión a esta plataforma para as empresas lucenses é completamente gratuíta e conta con completa información na web www.losproductosdelugo.org. A Deputación ofrece ás firmas asesoramento personalizado e continuo para adherirse e manterse na plataforma.

Impulso ós produtos autóctonos

A plataforma é unha das iniciativas desenvoltas pola Deputación para a promoción dos produtos autóctonos de calidade e o medio natural como oportunidade de negocio para a provincia. Precisamente estes días estase a desenvolver o II Mercado de Nadal “Merca o teu”, no que varias casetas ofrecen algúns do produtos característicos da provincia en artesanía, gastronomía e moda que tamén se poden adquirir a través da plataforma. No mercado, instalado na Praza de San Marcos, tamén se pode consultar na caseta da Deputación información sobre esta e outras iniciativas do organismo provincial.