Deputación de Lugo

A Deputación rematou melloras de 620.000 euros en servizos públicos de todos os Concellos da zona centro da provincia

Son melloras en traídas de auga, camiños, instalacións sociais, culturais ou deportivas do rural, financiadas ó 100% polo organismo provincial, aforrando cartos ós municipiosSantos Ramos supervisou os traballos levados a cabo en Friol, Castroverde, O Corgo e Guntín, dotados de máis de 130.000 euros, executados por autónomos e PEMES lucenses, “mantendo deste xeito emprego e impulsando un sector piar da económica da provincia”

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, avanzou este xoves o remate de 71 obras en servizos públicos municipais de zonas rurais de todos os Concellos da zona centro da provincia, financiadas pola Deputación con 620.000 euros.

Trátase de melloras en traídas de auga, camiños, instalacións sociais, deportivas ou culturais..., levadas a cabo en Abadín, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guitiriz, Meira, A Pastoriza, Pol, Rábade, Cospeito, Guntín, Outeiro de Rei, Vilalba, Xermade, Muras, Rábade, Lugo e Portomarín.

Santos Ramos destacou a importancia desta vía de colaboración do organismo provincial, que permite o acondicionamento das prestacións públicas municipais ós veciños de zonas rurais, ó tempo que aforra cartos ós Concellos, posto que a Deputación asume a totalidade dos custes destas actuacións. Autónomos e PEMES da provincia foron os encargados da execución destes traballos, polo que o Deputado remarcou que “mantemos e emprego e impulsamos un sector piar da económica lucense”.

O responsable da área de Cooperación e Asistencia ós Concello fixo estas declaracións no transcurso da visita que realizou a Castroverde, O Corgo, Guntín e Friol, onde supervisou o estado das obras realizadas nestes municipios.

O Deputado comprobou o estado de camiños rurais nos núcleos rurais de Buciñas de Condes, Chaos en Serén, Bouso, Monte Redondo, Anafreita e Carballo, no municipio friolés. A institución investiu 38.000 euros na mellora destas pistas, que dan acceso a fincas gandeiras e forestais, explotacións e vivendas.

En Castroverde, O Corgo e Guntín, a Deputación mellorou dotacións públicas con 93.000 euros. Santos Ramos mantivo un encontro con veciños das parroquias de Santo André, Vilapene e Hospital, núcleos rurais do Corgo, onde a institución mellorou o servizo da traída de auga. Do mesmo xeito, tamén se reuniu con veciños de San Cibrao, parroquia de Guntín, onde a institución financiou melloras no campo de baloncesto, e de Castroverde, onde se acondicionaron bens patrimoniais.