Deputación de Lugo

Pecha o II Mercado de Nadal da Deputación con beneficios de 25.000 euros para produtores e artesáns

Con esta iniciativa, a Deputación pon en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e da artesanía de Lugo e impulsa as vendas destes pequenos empresarios e autónomos da provinciaRegina Polín entregou a cesta de produtos que se sorteou entre os compradores do mercado, a tablet para a foto que máis gustou en Facebook e o premio á mellor caseta decorada que recaeu no posto de artesanía en coiro Tres Caracoles

Os produtores e artesáns participantes no II Mercado de Nadal Merca o teu que acolleu a Praza de San Marcos entre os días 20 de decembro e 5 de xaneiro, facturaron 25.000 euros. A iniciativa da Deputación impulsa ás Pemes e autónomos da provincia que, coa celebración deste mercado, acadan uns ingresos e dan a coñecer o seu traballo, sendo a súa participación completamente gratuíta.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, clausurou o mercado que o organismo provincial puxo en marcha para poñer en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía de Lugo. Regina Polín destacou que a cita contribúe a aumentar as vendas destes pequenos empresarios e autónomos, aproveitando o tirón do Nadal e as numerosas actividades que se organizaron para o público durante os días de mercado. Celebráronse obradoiros de cociña e e de novas tecnoloxías para cativos, charlas sobre postres típicos de Nadal e espectáculos e contacontos musicais. Ademais, o mercado contou con instalacións para a diversión infantil como inchables e outros.

O mercado pechouse co sorteo dunha cesta de produtos autóctonos entre as persoas que mercaron algún produto ó longo destes días e a entrega dunha tablet á mellor foto do mercado colgada en Facebook e escollida polos seus seguidores.

Ó igual que o ano pasado, foi recoñecido o esforzo dos produtores e artesáns que contribuíron á boa imaxe do mercado. Nesta edición, a caseta de artesanía en coiro Tres Caracoles recibiu o premio de 100 euros e un bolígrafo electrónico á mellor decoración.