Deputación de Lugo

Co cambio de Goberno, a Deputación pasou de ser 'hostil' para o Valedor a un modelo estatal de transparencia

“O organismo provincial contesta agora en prazo a todas as peticións do Valedor, cando o Executivo do PP recibiu ata 5 veces a mesma solicitude sen dar ningunha resposta”, subliñou a Vicepresidenta SegundaCon Gómez Besteiro, por 1ª vez a oposición dispón de locais de traballo, equipos informáticos e 3 asesores, ademais de ter resposta ás peticións de documentación nun prazo de 5 días “É incongruente que, con todas as facilitades e información que reciben, os populares critiquen o formato de decreto das facturas provinciais, cando ademais é exactamente o mesmo que o deles”, asegurou Lara Méndez

A Deputación de Lugo pasou de ser declarada oficialmente no ano 2007 polo Valedor do Pobo como ‘hostil e entorpecedora’ a situarse no 2013 entre as institucións provinciais de España máis transparentes, segundo certifica a entidade oficial Transparencia Internacional. “Hoxe somos un modelo a nivel do Estado grazas á nosa aposta por abrir esta institución a todos os veciños da provincia, modernizala e convertela en eficaz e útil ós lucenses”. Así o manifestou a Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, esta mañá en Santiago antes de entregarlle ó Valedor, José Julio Fernández Rodríguez, o informe que lle solicitou sobre o formato de decreto das factura provinciais tras admitir a trámite unha queixa do PP.

“A Deputación contesta agora en prazo a todas as peticións do Valedor. O PP nin recoñecía esta figura”, asegurou Méndez. Como exemplo, a Deputada indicou que nos últimos tres anos dos populares á fronte do Goberno provincial –de 2003 a 2006- quedaron sen responder a metade das solicitudes do Valedor, “que chegou a pedir ata 5 veces a mesma documentación sen obter ningunha resposta”.

“Nunca a oposición tivo tanta información”

A Vicepresidenta Segunda incidiu en que “a oposición nunca tivo tanta información como agora”. Con Gómez Besteiro, por 1ª vez, dispoñen de dous locais de traballo e equipos informáticos, ademais de 3 asesores, cun custe anual para a Deputación de case 122.000 euros. O PP conta tamén con 5 deputados con dedicacións que suman preto de 200.000 euros ó ano.

Este Goberno dá resposta ás peticións de documentación da oposición nun prazo de 5 días. Soamente o ano pasado entregáronselles máis de 3.000 copias de decretos, ás que hai que engadir as correspondentes a outros documentos. Mentres Núñez Feijóo deixou sen responder 6 de cada 10 preguntas presentadas pola oposición en 2013 no Parlamento, Gómez Besteiro contestou 126 de 143 solicitudes desde 2011. As restantes non se responderon por ser información non concreta, documentos que deben solicitarse noutro órgano ou institución, ou incluso porque o PP renunciou á súa consulta.

A dilixencia do actual Executivo “está a anos luz do que facía o PP. Hai Deputados que levan 16 anos agardando por información da etapa popular”, recalcou a Vicepresidenta.

O PP conta cun espazo na Secretaría Xeral da Deputación para consultar todos os expedientes que require, así como fotocopiadora; todas as semanas recibe unha relación do Rexistro de Entrada de Documentos, a orde do día e a acta das Xuntas de Goberno; consulta todos os decretos e resolucións da Presidencia e obtén cumprida información económico financeira cada tres meses no Pleno. O actual Goberno aprobou de feito un Regulamento Orgánico para garantir a transparencia e facilitar ó máximo o labor da oposición.

Durante os 24 anos de Goberno popular, a Xunta de Voceiros nunca se reuniu, agás antes do Pleno de Organización. Agora convócase para todos os asuntos de importancia para a provincia.

Foi tamén o actual Presidente quen instarou a comparecencia anual no Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos da Deputación, pois o PP nunca antes quixo facelo.

O mesmo decreto

“Con todas as facilidades e información da que dispoñen, é incongruente que o PP critique o formato dos decretos das facturas provinciais”, asegurou a Vicepresidenta, cando ademais se trata “exactamente do mesmo modelo, cos mesmos datos, que os que incluían os decretos aprobados na etapa de goberno do PP: a data da factura, o número e o importe”.