Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o uso das novas tecnoloxías entre as empresas da Montaña co Reacciona coas TIC

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, fixo balance da implantación do pioneiro programa provincial Reacciona coas TIC en 6 empresas ubicadas nos Concellos de As Nogais, Cervantes e BecerreáA visita permitiu escoitar de primeira man a experiencia dos responsables dun dos negocios benficiarios deste plan que investiu 8.000 euros en Pemes e autónomos da Comarca de sectores como a enxeñería, pequeno comercio ou establecementos hostaleiros e de alimentación

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, mantivo este mércores un encontro cos responsables dunha das empresas participantes no Reacciona coa Tic, programa pioneiro en Galicia que a Deputación de Lugo puxo a disposición de todas as Pemes e autónomos da provincia para potenciar os seus negocios. Tras esta xuntanza, o Deputado deu conta do resultado deste programa, dotado con 200.000 euros financiados nun 80% por fondos europeos, na Montaña luguesa, na que se ubican 6 das 150 empresas que se beneficiaron deste plan en toda a provincia. Estas recibiron, de xeito gratuíto, ata 200 ferramentas tecnolóxicas encamiñadas a aumentar a súa competitividade e reducir os custes de funcionamento e produción, facilitando así a xeración de emprego.

Tras reunirse cos responsables de Galetec S.L., un negocio de enxeñería e arquitectura ubicado no Concello de Becerreá, Martínez destacou a importancia de prestar apoio ós pequenos negocios no eido das TIC, máis no caso das zonas que presentan máis complicacións para contar con servizos de Internet, como no caso dos Concellos da Montaña. Nesta liña, o Deputado tamén salientou os beneficios doutras iniciativas postas en marcha polo organismo provincial, como a dotación de puntos de acceso wifi gratuítos nos Concellos e prazas públicas, ou o Satelíz@te, que financiou ó 100% a instalación do equipamento necesario para que familias e negocios ubicados en zonas de sombra da provincia teñan Internet vía satélite de ata 20 Mb. “Internet é un dereito de todos e neste sentido, a Deputación leva tempo traballando para que todos os veciños poidan acceder a este servizo con independencia do lugar onde vivan”

O Deputado subliñou as posibilidades de crecemento que as novas tecnoloxías ofrecen a Pemes e autónomos, “e que, por exemplo, permítelles eliminar o obstáculo que poden supoñer as distancias que moitas veces as separan dos seus potenciais clientes. Así, son empresas non na Montaña, senón na rede”

6 empresas na Montaña

O Reacciona coas TIC permitiu a 6 empresas da Montaña luguesa acceder ó uso de software e formación gratuíta que o organismo provincial puxo á súa disposición a custe cero, posto que estas actuacións contaron cunha achega de 8.000 euros. Pemes e autónomos de Cervantes (3); Becerreá (2) e As Nogais (1), entre as que se atopan ferreterías ou negocios de hostalería ou alimentación, contan xa con diferentes ferramentas tecnolóxicas.

Tras o estudo individualizado por parte dos técnicos do organismo provincial que permitiu detectar as posibles deficiencias e as necesidades particulares no eido das TIC en función da súa actividade, o organismo lugués dotou de diferentes solucións informáticas a cada unha delas a custe cero e facilitoulles formación en novas tecnoloxías a empresarios e traballadores en materias como márketing e redes sociais; xeomarketing; códigos QR; fidelización de clientes con boletíns electrónicos, ou posicionamento de webs e blogs empresariais.