Deputación de Lugo

Desbloqueados os pagos dos GES ós Concellos na comisión de seguimento solicitada por Deputación

Imaxe deputación de lugo
- Tal e como lle esixiu a Deputación, a Xunta comprometeuse a clarificar que gastos financia cada unha das administracións implicadas nos GES para cumprir coa Lei de Subvencións e poder realizar o pago ós Concellos do 25% da anualidade de 2013 - É a 2º vez que o organismo lugués ten que esixir ó Executivo autonómico que desbloquee os pagos, posto que xa tivo que facelo co anticipo do 75%, tras máis de 6 meses de espera - Cumprido o compromiso de hoxe do Goberno galego, institución luguesa poderá pagar 46.900 euros. “Farémolo de xeito inmediata para, seguidamente, continuar cos pagos de 2014”, adiantou Santos Ramos - A Deputación mantén ó día os seus pagos, posto que ingresou ós Concellos todo o que lle permitiu á lei: máis de 100.000 euros a Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso e A Pontenova

A petición da Deputación, este xoves celebrouse unha nova comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, na que participou o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos. Xa no mes de abril, o organismo provincial reclamou á Xunta a convocatoria desta xuntanza para que desbloquease o pago ós municipios. E así se comprometeu a facer na reunión de hoxe a instancias da institución luguesa. O Executivo autonómico acordou clarificar que gastos financia cada unha das administracións implicadas nos GES para cumprir coa Lei de Subvencións. Deste xeito, Xunta, Fegamp e Deputación poderán pagar ós Concellos o 25% da anualidade de 2013. É a 2º vez que a Deputación de Lugo ten que esixir á Xunta que desbloquee os pagos dos GES ós Concellos, posto que xa tivo que facelo co anticipo do 75%, tras máis de 6 meses de espera.

Santos Ramos adiantou que “unha vez que a Xunta cumpra co seu compromiso e desbloquee os pagos, poderemos aboar ós Concellos cumpridores a parte pendente de 2013. Farémolo de xeito inmediato para, seguidamente, continuar cos pagos desta anualidade”. No caso da Deputación, este 25% da anualidade de 2013 (a parte xustificativa) cuantifícase nun total de 46.900 euros. Son 6.700 euros para cada un dos seguintes municipios: Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso, A Pontenova e Guitiriz. A Folgoso do Courel e a Quiroga, que comparten GES, correspóndelles sendas partidas de 3.350 euros. 

Pagos ó día
A institución luguesa mantén ó día os seus pagos, posto que aboou ós Concellos cumpridores todo o lle permite a lei polo de agora: o anticipo do 75% da anualidade de 2013. A Deputación pagou 109.375 euros a Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso e A Pontenova. Son 21.875 euros a cada municipio. Os servizos xurídicos da Deputación están a avaliar a documentación entregada por Guitiriz, Folgoso do Courel e Quiroga para xustificar o cumprimento do convenio logo das supostas irregularidades cometidas. A Xunta e os propios Alcaldes recoñeceron que en Guitiriz se alteraron as bases do proceso de selección de persoal, cando son “comúns e públicas para todos os Concellos” segundo o convenio. En Folgoso do Courel e Quiroga fixéronse concursos de méritos e non oposicións, resultado contratados familiares da Alcaldesa do Courel, como súa irmá. A Deputación só pagará a estes municipios no caso de que demostren que cumpriron co convenio ó igual que os restantes Concellos. De ser así, ingresaría a Guitiriz 21.875 euros. Trátase do mesmo orzamento que, conxuntamente, pagaría a Folgoso do Courel e Quiroga, posto que comparten GES. Serían 10.937 euros por municipio.

Os GES están financiados nun 60% pola Xunta de Galicia, nun 20% polas Deputacións galegas e nun 20% pola FEGAMP. O seu presuposto na provincia de Lugo para 2013 ascende a máis de 1 millón de euros, 600.000 da Xunta, 200.000 de Deputación e 200.000 da FEGAMP.

A Xunta bloqueou os pagos ata 2 veces
A Xunta é a única responsable do retraso nos pagos ós Concellos de todas as administracións implicadas no funcionamento dos GES. Primeiro, bloqueou totalmente e durante máis de 6 meses as transferencias ós municipios, posto que non determinou no convenio como se tiñan que realizar. Así llo notificou a Deputación de Lugo en maio. Pese a recoñecelo, a Xunta non lle deu solución ata decembro. A partir de entón, púidose aboar o anticipo do 75%. Ata que a Xunta non cumpra co compromiso de hoxe, manterá bloqueado o pago do 25%, correspondente á xustificación, posto que debe aclarar que gastos financia cada administración. Segundo a Lei de Subvencións, dúas administracións non poden subvencionar os mesmos gastos, por exemplo, os de funcionamento ou persoal, polo mesmo importe. Deben fixarse claramente os gastos, importes e conceptos que financia cada administración. En base a isto, os Concellos deberán entregar a cada administración a documentación xustificativa correspondente.