Deputación de Lugo

A declaración internacional da Semana Santa de Viveiro xa se nota

O Presidente da Deputación, a Alcaldesa de Viveiro e o Presidente da Xunta de Confrarías fixeron balance da Semana Santa, declarada de Interese Turístico InternacionalHoubo máis de 4.200 turistas de toda España, ata de Andalucía, ademais de Francia, Arxentina, Irlanda ou Italia. Todos coincidiron en que foi a mellor Semana Santa da historia de ViveiroO organismo provincial achegou 90.000 euros nos últimos 3 anos á celebración deste festexo. Gómez Besteiro adiantou que “o noso compromiso será maior no 2015”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o Presidente da Xunta de Confrarías viveirense, José Veiga, deron conta este martes dos resultados da Semana Santa deste municipio mariñano, que demostran que xa se nota a declaración internacional deste festexo.

Fixéronse 400 enquisas nos hoteis, na rúa e na oficina de turismo, constatando que acudiron á Semana Santa de Viveiro cidadáns de todos os puntos de España, ata de Andalucía, así como do estranxeiro. Os principais turistas nacionais chegaron de Galicia, Madrid, Castela e León, País Vasco e Asturias. Os internacionais de Francia, Argentina, Irlanda e Italia. Todos coincidiron en que esta foi a mellor Semana Santa da historia de Viveiro.

María Loureiro salientou que este recoñecemento xa se traduciu en turistas e investimentos en Viveiro no 2013, cando houbo 3.664 turistas. Este ano, a cifra incrementou ata os 4.201. A diferencia doutros anos, o turista quixo fixar a súa estancia e tempo en Viveiro, especialmente nas procesións. A Alcaldesa remarcou que a Semana Santa viveirense é a cuarta mellora valorada de España, segundo unha enquisa do diario 20minutos.es.

O Presidente da Xunta de Confrarías destacou que estes resultados non se levarían a cabo sen a colaboración da Deputación máis o Concello de Viveiro, sen os cales sería imposible seguir ampliando os pasos, imaxinería, etc.

A Deputación de Lugo colaborou co Concello de Viveiro e a Xunta de Confrarías para que a Semana Santa viveirense, que é de Interese Turístico Nacional dende o ano 1988, recibise esta distinción a nivel internacional no 2013. Tamén colaborou economicamente, achegando 90.000 euros nos últimos tres anos, dos que 27.000 euros corresponde á anualidade deste ano. “O noso compromiso será maior para o 2015”, adiantou Gómez Besteiro. Así mesmo, a través da Fundación TIC elaborou varios traballos audiovisuais, promocionando a Semana Santa viveirense en destacadas citas como FITUR.

A Semana Santa de Viveiro recibiu un forte impulso na última década grazas ó traballo que o Concello de Viveiro desenvolveu conxuntamente coas confrarías. Melchor Roel foi unha figura clave, posto que foi capaz de unificar o esforzo dos máis de 3.000 confrades, -máis do 20% da poboación total de Viveiro-, mediante o impulso á Xunta de Confrarías. Este colectivo representa ás 8 confrarías viveirenses: “Venerable Orden Tercera”; “Del Rosario”, “Santísimo Cristo de la Piedad”; “Hermandad del Prendimiento”; “de las Siete Palabras”; “de la Santa Cruz”; “Nazarenos dos de Fóra”; e “Misericordia”. A instancias de Roel, teñen a súa disposición dende hai tres anos distintos locais municipais de ensaio, reunión e almacenaxe.