Deputación de Lugo

38 lucenses que estaban no paro traballan en Concellos da Montaña co plan de emprego da Deputación

- Fano en Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada, municipios de menos de 5.000 habitantes e da Rede Natura, excluídos reiteradamente dos obradoiros ou escolas taller da Xunta dende 2009 - O Deputado de Economía Rural e do Mar mantivo hoxe un encontro cos traballadores que foron contratos a través dos Concellos durante 15 meses para mellorar servizos públicos - O organismo provincial asume con 1 millón de euros as nóminas e custes á seguridade social, supoñendo gasto cero para os municipios, e adianta o 90% do orzamento. Xa ingresou máis de 630.000 euros a Concellos da Montaña

38 lucenses que estaban no paro traballan agora en Concellos da Montaña co plan de emprego da Deputación. Fano en Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Becerreá, Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada. Son municipios de menos de 5.000 habitantes, que integran a Rede Natura e que foron excluídos reiteradamente dos obradoiros ou escolas taller da Xunta dende 2009. Con fin de compensar o abandono do Executivo galego, ditas entidades locais resultaron beneficiadas da programación do organismo provincial, que crea emprego, mellora as dotacións públicas e combate o despoboamento demográfico.

O Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández, mantivo hoxe un encontro cos traballadores que foron contratados a través dos Concellos durante 15 meses (a diferenza dos obradoiros de emprego doutras administracións nos que os desempregados traballan só 6 meses) para realizar melloras de servizos públicos. Por exemplo, obras no medio rural, intervencións en espazos públicos e naturais, medidas preventivas en defensa do medio ambiente, etc.

A Deputación asume as nóminas e os custes da seguridade social, facendo que o gasto deste plan para os Concellos sexa de cero euros. 1 millón de euros é o orzamento que concede a institución provincial a estes 6 municipios da Montaña. Tendo en conta a situación das arcas municipais, a institución luguesa ofrece ós Concellos o anticipo do 90% do orzamento que lles corresponde. Deste xeito, xa ingresou nas arcas municipais de Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro máis de 630.000 euros. Da mesma forma, nos vindeiros días adiantará a Becerreá e Negueira de Muñiz outros 291.700 euros.

 Traballadores e subvención
Os Concellos foron os encargados de realizar os procesos de selección do persoal. O número de traballadores por Concello determinouse polo número de habitantes, cun máximo de 11 para Concellos de ata 5.000 habitantes e un mínimo de 4 para os de menos de 500. Cervantes, cunha poboación de 1.593 habitantes, conta con 5 traballadores e unha subvención de 135.075 euros; Navia de Suarna, 1.337 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Negueira de Muñiz, 213 habitantes, 4 traballadores e 108.060 euros; Becerreá, 3.072 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; A Fonsagrada, 4.198 habitantes, 11 traballadores e 297.165 euros; e Pedrafita do Cebreiro, 1.199 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros.