Deputación de Lugo

Martínez denuncia que “o único que fixo o PP na vía do litoral de Barreiros foi inventar proxectos sen cartos nin terreos”

Imaxe deputación de lugo
- O Deputado subliña que “apuráronse antes das eleccións municipais de 2007 a deseñar un plan de 50 millóns de euros só para enganar ós veciños. Agora, días antes doutra convocatoria electoral, recorren ás mesmas mentiras para sacar rédito político” - Martínez remarca que “coa metade do orzamento que tiña o Partido Popular”, a Deputación mellora os case 700 quilómetros de estradas provinciais da Mariña con 2,4 millóns de euros

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, denunciou este xoves “a hipocresía do Partido Popular, que o único que fixo na vía do litoral de Barreiros, durante os máis de 24 anos que estivo á fronte da Deputación, foi inventar proxectos sen cartos nin terreos.  Apuráronse antes das eleccións municipais de 2007 a deseñar un plan de 50 millóns de euros co único fin de enganar ós veciños, posto que sabían que non o ían a executar, xa que non tiñan presuposto nin fixeran, previamente, as expropiacións legais correspondentes. Agora, días antes doutra convocatoria electoral, recorren ás mesmas mentiras para sacar rédito político. É a práctica habitual do PP”.

Manuel Martínez subliñou “o esforzo” que está a facer o Goberno Provincial na mellora da rede viaria provincial máis extensa de España, ó superar os 4.200 quilómetros, “coa metade do orzamento que tiña o Partido Popular, cando se recortaron as aportacións do Estado á institución nun 30% ou cando o Goberno Central suprimiu a súa achega ó POS”.

O Deputado exemplificou co acondicionamento da estrada que dá acceso á praias das Catedrais, no que o organismo provincial investiu preto de 600.000 euros; ou co plan de mellora dos preto de 700 quilómetros de estradas provincias na Mariña, que se está a executar na actualidade, para o que a institución luguesa achega 2,4 millóns de euros.

“O Partido Popular adicouse a facer chapuzas e a deixar estradas terceiromundistas ás que temos que facer fronte. Queda moito por facer”. Ata o momento, a Deputación levou a cabo as seguintes actuacións:

  • Multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material.
  • Sinalizou os 4.200 quilómetros da rede viaria provincial tras décadas de abandono.
  • Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
  • Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
  • Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
  • Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
  • Instalou 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.