Deputación de Lugo

O Pleno aproba, sen apoio do PP, un plan integral en impulso do Piornedo

Imaxe deputación de lugo
Aprobada por unanimidade a proposta de Gómez Besteiro para esixir ó Goberno central e á Xunta as canles para reclamar o céntimo sanitaria e a devolución do recadado ilegalmenteO Presidente avanza que levará ó Parlamento e ofrecerá a todos os Concellos a incorporación de cláusulas sociais nos contratos para blindar os dereitos dos traballadoresA Deputación pechou o 2013 cunha media de pago ós provedores de 8,9 días, unha débeda en 37 millóns de euros e un superávit de 15 millóns de euros

O Pleno aprobou, sen apoio do PP, que Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Cervantes desenvolvan un plan integral en impulso do Piornedo, que inclúa a mellora das pallozas e a dotación dos servizos de saneamento e de iluminación pública. A pesares de que por lei é a Xunta a responsable destes traballos, o organismo provincial acordou sumar esforzos ante o recorte e supresión das axudas autonómicas por parte de Feijóo, así como para garantir a igualdade de condicións de vida e loitar contra o forte despoboamento demográfico que sofre esta zona. Trátase dunha proposta presentada polo Goberno Provincial logo de que na pasada sesión plenaria o Partido Popular rexeitase unha enmenda a unha moción dos populares para incluír estes traballos. Tampouco nesta ocasión se contou co apoio do PP, posto que todos os Deputados deste formación se abstiveron na votación.

A lei fixa competencia e obrigación da administración autonómica a protección do patrimonio natural e cultural. Polo tanto, é responsabilidade da Xunta a conservación do Piornedo, declarado paraxe pintoresca en 1971, así como das pallozas, que son Ben de Interese Cultural (BIC). Feijóo recortou as axudas ós bens patrimoniais e, directamente, suprimiu as axudas de 26.000 euros ó ano que de media recibían as pallozas. Pola contra, a Deputación de Lugo, a pesares de non ter as competencias, ten en marcha un Plan de Acción na Reserva da Biosfera dos Ancares, financiado con 2 millóns de euros de fondos propios, que contempla a conservación do patrimonio natural e cultural, como Piornedo e as pallozas.

Céntimo sanitario

A sesión aprobou por unanimidade a proposta do Goberno Provincial para recuperar o recadado ilegalmente co céntimo sanitario. Deste xeito, a Deputación instará á Axencia Estatal Tributaria a devolver o céntimo sanitario por ser un ingreso indebido, que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou ilegal; reclamará á Xunta de Galicia que cuantifique, de acordo coas asociacións de transportistas, cal é o importe do gravame susceptible de ser reembolsado; esixirá a Feijóo que inicie as xestións necesarias para garantir o reintegro do Imposto de Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos no menor tempo posible, clarificando as canles necesarias para solicitar o seu reembolso; e pedirá a devolución dos máis de 90.000 euros que achegou a institución ó cobro deste gravame nos últimos anos.

Convenio co Concello de Lugo

O Pleno aprobou, coa abstención do PP, o convenio de Deputación e Concello de Lugo para o aforro de custes enerxéticos. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, explicou que non se privatiza ningún servizo, posto que se trata dunha colaboración totalmente gratuíta entre as dúas administracións para que técnicos da Axencia Provincial da Enerxía colaboren de xeito directo cos traballadores do municipio lugués, reforzando o seu labor e non substituíndoos. Con este servizo, que a Deputación xa presta a outros 42 municipios, ofrécese asesoramento técnico gratuíto para obter o máximo aforro no gasto eléctrico e evitar posibles situacións de abuso por parte das compañías.

Datos económicos e cláusulas sociais

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, deu conta á sesión dos últimos informes económicos da Deputación sobre 2013, e destacou a rebaixa da débeda en 14 millóns de euros, ata situala nos 37 millóns de euros; o pago medio a provedores, que se sitúa nos 8,9 días dende que se conforma a factura ata que se aboa; e o peche do exercicio cun superávit de 15 millóns de euros. “Os datos demostran una boa xestión económica. Baixamos a débeda, que será de cero no 2016, somos a administración galega que máis rápido paga ós provedores, mantemos unhas contas saneadas e non deixamos de investir malia o recorte nun 30% das transferencias do Estado”. Gómez Besteiro tamén deu conta á Corporación da incorporación de cláusulas sociais nos contratos de servizos da Deputación. Neste senso, adiantou que en maio adxudicaranse os 5 primeiros pregos provinciais, dotados de 10 millóns de euros, que xa inclúen obrigas sociais, ó tempo que avanzou que levará ó Parlamento e ofrecerá a todos os Concellos esta iniciativa que blinda os dereitos dos traballadores.

Renuncia de Raposo

Fíxose oficial a renuncia como Deputado Provincial de José Luis Raposo e declarouse vacante a súa acta para a próxima incorporación dun novo membro na Corporación en aplicación da lei electoral. Raposo agradeceu o trato recibido na Deputación, “en especial ó Presidente pola tranquilidade que me transmitiu para elaborar o meu traballo”, e destacou que “voume por cuestións privadas, para que non teñen efectos negativos nesta institución. Voume coa cabeza moi alta, para demostrar a miña inocencia e defenderme”.

Pésames

O Presidente quixo transmitir na sesión plenaria o pésame da Deputación polo falecemento de tres persoas nun accidente marítimo en Vigo e trasladou ás familias, amigos e compañeiros dos dous mariñeiros desaparecidos o desexo de que a busca teña “o mellor dos desenlaces posibles”. Gómez Besteiro iniciou o Pleno lembrando as figuras de Adolfo Suarez, ex-presidente do Goberno de España, e de Iñaki Azkuna Urreta, Alcalde de Bilbao.