Deputación de Lugo

A Deputación acolle dende mañá o 1º Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugo

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación de Lugo abre a xestión da institución á cidadanía organizando este seminario, que se desenvolverá entre mañá e o vindeiro 20 de xuño no Salón de Actos de San Marcos -Ata 15 recoñecidos especialistas en xestión pública impartirán 13 conferencias e tomarán parte en 3 mesas redondas abertas ó debate entre políticos, cidadáns e empregados públicos - O prazo de inscrición aínda está aberto na web www.deputacionlugo.org. Esta actividade é gratuíta, malia que o aforo é limitado, polo que as solicitudes se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. Os asistentes recibirán un diploma acreditativo de aproveitamento

A Deputación de Lugo volve ser pioneira abrindo a xestión da institución á cidadanía organizando o 1º Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugo, que se arrinca maña no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O seminario contará coa presenza de expertos en xestión pública, goberno aberto e novas tecnoloxías, que abordarán temas como os avances das tecnoloxías na xestión do goberno ou a implementación de políticas orientadas á participación da cidadanía no goberno, que aumenten a calidade democrática e a transparencia das administracións.

A Deputación leva tempo traballando nesta dirección sendo, de feito, a primeira Deputación española que conta cuns presupostos participativos, ademais de ter posto en marcha outras iniciativas coma un portal dixital de información entre Concellos e Deputación, ou a separación dos políticos das mesas de contratación, entre outras.

O 1º Seminario sobre o Goberno Aberto da provincia de Lugopermitirá abrir un amplo debate sobre temas como as políticas orientadas ó goberno aberto e seu grao de desenvolvemento na provincia de Lugo; as posibilidades que ofrecen as TIC para o deseño e posta en marcha de políticas públicas, ou o papel dos cidadáns na planificación e execución dos servizos públicos, para que coñezan cales os servizos que prestan as administracións, que proxectos desenvolven e onde se invisten os seus cartos. Estas xornadas crearán un espazo para o achegamento e o debate entre responsables políticos, cidadáns e empregados públicos, acerca do fenómeno da difusión das tecnoloxías da información e a comunicación dos gobernos e a cidadanía, atendendo especialmente ó ámbito local.

Programación das xornadas
A programación dará comezo maña, 18 de xuño, ás 9:30 horas, coa recepción e acreditación dos participantes. Ata o vindeiro 20 de xuño, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá ata 13 conferencias e 3 mesas redondas na que participarán ata 15 expertos procedentes de Universidades españolas coma a Pompeu Fabra; a de Santiago de Compostela; a Universitat Oberta de Catalunya; a do País Vasco; a de Deusto ou a de Barcelona, así como das Universidade de Cardiff e Bath (Reino Unido).

Recoñecidas figuras, especialistas en xestión pública, como Carles Ramió Matas; Adela Mesa del Olmo; Agustía Cerrillo i Martínez; Roser Beneito-Montagut ou Andrés Cernadas Ramos abordarán aspectos como a participación cidadá como ferramenta fundamental dos gobernos intelixentes; as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para a mellora da xestión dos servizos públicos ou as smart cities, as cidades intelixentes e socialmente innovadoras.

O prazo de inscrición aínda está aberto na web www.deputacionlugo.org, na que os interesados poderán atopar toda información sobre seminario. Esta actividade está aberta a todos os públicos e a asistencia é gratuíta, malia que o aforo é limitado, polo que as solicitudes se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. Os asistentes recibirán, posteriormente, un diploma acreditativo de aproveitamento das xornadas.