Deputación de Lugo

O remate da residencia da Fonsagrada e o mantemento dos partidos xudiciais, prioritarios para os veciños da Montaña

- Un centenar de persoas participou na primeira xuntanza veciñal organizada pola Deputación para elaborar os orzamentos participativos do 2015. “Imos responder a todos os veciños, imos dar a cara”, subliñou o Presidente - Os asistentes interesáronse pola posta en marcha do polígono fonsagradino ou a nova Lei de Montes; e pediron unha piscina climatizada para a comarca e a transferencia á Xunta da estrada provincial que une A Fonsagrada e Navia - Viveiro acolle mañá a segunda xuntanza, ás 20:30 horas, no salón de actos do Concello

A Deputación de Lugo recolleu este luns as opinións e propostas dos veciños do partido xudicial da Fonsagrada no marco da elaboración dos orzamentos participativos do 2015, os primeiros que saca adiante un organismo provincial en España. Un centenar de persoas participou no encontro, no que houbo máis de 30 intervencións con dous temas estrela: o remate das obras da residencia da terceira idade que a Deputación constrúe na Fonsagrada e o mantemento dos partidos xudiciais da provincia para non recortar máis servizos ó rural.

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ós deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, conduciron á asemblea, á que acudiron persoas chegadas de todos os concellos do partido xudicial -A Fonsagrada, Baleira, Navia, Negueira e Ribeira de Piquín-, entre eles emigrantes que viven noutras zonas do país, como Barcelona.

“Imos responder a todos os veciños, imos dar a cara”, subliñou Besteiro, quen comezou por poñer en contexto a asemblea expoñendo en que consisten os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento da Deputación para elaboralos. Explicou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. O Presidente detallou así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda), e fixo un balance sobre a relación da Deputación co partido xudicial da Fonsagrada, destacando que nos últimos tres anos destináronse 12,5 millóns de euros ós concellos desta zona da provincia.

As preocupacións dos veciños
Unha vez coñecido este contexto xeral, os participantes interviñeron para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que ven na zona. O remate das obras da residencia da terceira idade que a Deputación constrúe na Fonsagrada foi un dos temas de maior importancia para os asistentes, que mostraron moito interese pola súa posta en marcha, ó igual que polo mantemento do actual mapa de partidos xudiciais da provincia, cuxa redución levaría consigo o afastamento da xustiza e un novo recorte de servizos no medio rural.   

Neste senso, moitas das intervencións xiraron en torno á nova Lei de Montes e ás políticas existentes para frear o despoboamento no rural. Preocupáronse tamén pola transferencia á Xunta da estrada provincial que une A Fonsagrada a Navia para desbloquear as obras de mellora; polo proxecto dunha planta de biomasa; a dotación dunha piscina climatizada á comarca da Montaña e dun campo de fútbol ó concello de cabeceira, A Fonsagrada; así como pola construción do polígono industrial no municipio fonsagradino. Con respecto a este último asunto, o Presidente explicou que a Deputación ten reservada unha partida de 2 millóns de euros, pero é necesaria a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha vez que recibiu o visto bo inicial no Concello por unanimidade.

Plantexaron así mesmo a necesidade de dotar de saneamento ó núcleo de Baleira, ademais de continuar coa concentración parcelaria. Neste punto, o Presidente animou ós asistentes a aproveitar as iniciativas que a Deputación ten en marcha no eido rural no marco das súas competencias, singularmente as axudas que este ano, por primeira vez, concede a Deputación para aumentar a base territorial das explotacións. Lembrou tamén o impulso de dúas naves no polígono de Baleira, onde a Deputación xa ten vendidas todas as parcelas e mellorou o servizo eléctrico.
 
Concluída a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. A área de infraestruturas foi das máis puntuadas.

Mañá, en Viveiro
O calendario de xuntanzas participativas continúa mañá en Viveiro, onde a cita será ás 20:30 horas, no salón de actos do concello. Continuarán a vindeira semana en Chantada, o día 8; Vilalba, o 15; Sarria, o 17; Monforte, o 22; Becerreá, o 29; Mondoñedo, o 30; e Lugo, o 31.   

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outras dúas vías: on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org, na que tamén pode encontrarse toda a información sobre o proceso; e por medio das redes sociais, unha canle consolidada no organismo provincial.

Os seguintes pasos
Ata finais de xullo os veciños opinarán sobre as súas prioridades nas xuntanzas participativas por partido xudicial a través destas tres canles. En base ó manifestado polos cidadáns, durante os meses de agosto e setembro unha comisión técnica da Deputación realizará un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.