Deputación de Lugo

A Deputación recibe a visita da asociación italiana de recreación histórica Ars Dimicandi con motivo do Arde Lucus

- O Presidente da Deputación de Lugo e a Concelleira de Cultura recibiron, ataviados de romanos, a membros da asociación italiana Ars Dimicandi, de Bérgamo - A agrupación realizou unha exhibición de loita romana na Praza de San Marcos enmarcada nos actos do Arde Lucus, co que colabora o organismo provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, recibiu hoxe na Deputación a membros da asociación de recreación histórica Ars Dimicandi, de Bérgamo (Italia), os cales tomarán parte nas actividades organizadas esta fin de semana con motivo do Arde Lucus, celebración coa que colabora a institución provincial.

Gómez Besteiro destacou que a presenza desta asociación italiana é mostra de que a celebración lucense, declarada Festa de Interese Turístico Galego, ten situado á cidade e á provincia no mapa turístico, pola cantidade e calidade das actividades programadas, e contribúe a darlle maior proxección no estranxeiro.

Hai que destacar que todos os asistentes a este encontro acudiron ataviados con traxes de romanos. De feito, tanto a toga que vestía Gómez Besteiro, como o calzado, foron confeccionados polos artesáns do Centro de Artesanía e Deseño. En canto á vestimenta, trátase dun traxe inspirado nas chamadas togas pictas ou capitolinas, de cor púrpura e bordadas, empregadas nun principio polos xenerais do exército romano, e que logo adoptaron algúns emperadores. En canto ó calzado, confeccionado en coiro, este realizouse tomando como inspiración as calcei patriccii, que eran as que se empregaban en ocasións especiais cando se vestía a toga.

Exhibición na Praza de San Marcos
A asociación Ars Dimicandi leva vinte anos traballando na reconstrución e difusión cultural da época romana, coa que pretende impulsar o espectáculo deportivo mediante as representacións de loita de gladiadores. Os seus membros percorren ó longo do ano numerosas cidades de todo o mundo onde se celebran festas que pretenden rememorar as súas orixes romanas, como Lugo, Bolonia ou Tarragona.

Tras a recepción, a asociación realizou unha exhibición de gladiadores na Praza de San Marcos, espectáculo enmarcado na programación do Arde Lucus, que conmemora a fundación da cidade de Lugo e o seu pasado romano. A entidade provincial colabora con este evento, catalogado como Festa de Interese Turístico Galego, mediante unha dotación económica.