Deputación de Lugo

A Deputación activa o Plan de Roza da rede viaria comezando polas estradas dos oito Concellos da Mariña

- O organismo provincial iniciou esta programación, achegando 600.000 euros para acondicionar de xeito progresivo a rede de estradas provinciais dos 67 Concellos lugueses - Máis de 70 operarios e 50 máquinas compoñen este dispositivo, que reforzará ó do Parque Móbil e ó de Conservación que xa atenden á rede viaria provincial máis extensa de España - A Deputación contratou a 20 autónomos e pemes lucenses co que tamén contribúe ó impulso da economía e ó mantemento de postos de traballo por toda a provincia

A Deputación de Lugo activou hoxe o Plan de Roza comenzando polas estradas provinciais dos oito Concellos da Mariña, tendo en conta que son as vías que máis incremento no número de usuarios rexistran nesta época, coa chegada de milleiros de visitantes a todos os destinos turísticos da Costa lucense. Paulatinamente, estas tarefas de roza continuarán polos restantes municipios da provincia, actuando nos máis de 4.200 quilómetros de estradas de titularidade provicial dos 67 Concellos luguesas.

O organismo provincial inicia esta programación de traballos de roza, na que inviste 600.000 euros con cargo ós fondos provinciais, co comezo da tempada estival. Ó igual que nas anteriores campañas, os responsables provinciais poñen en marcha o plan de roza nesta época, para evitar posibles incendios ó tempo que se aforran custes e se optimizan recursos. A razón deste aforro é que comezar antes estas tarefas suporía a obriga de ter que repetir os traballos, tendo en conta as condicións de humidade e os ciclos propios do crecemento das especies vexetais.

O Plan de Roza da Deputación ten despregado un dispositivo composto por máis de 70 operarios e 50 máquinas. Estes súmanse a outros 30 operarios e 25 máquinas do Parque Móbil provincial, e outros 104 operarios e 64 máquinas do Plan de Conservación. No caso do Parque Móbil, os efectivos están a executar actualmente o pioneiro plan de mellora da rede viaria provincial acondicionando con rego asfáltico todos os puntos que así o requiren; pola súa banda, os propios do Plan de Conservación actúan durante todo o ano de xeito continuado. En total, a Deputación conta con máis de 204 operarios e 139 máquinas traballando para manter nas mellores condicións os máis de 4.200 quilómetros de vías provinciais, que fan da luguesa a rede viaria provincia máis extensa de España.

Ademais de manter en bo estado as estradas lucenses e mellorar as comunicacións, por medio destes traballos a Deputación contribúe ó desenvolvemento da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo, grazas á contratación de 20 autónomos e pequenas e medianas empresas da provincia.