Deputación de Lugo

A Praza de San Marcos será escenario dos actos de celebración do Día do Orgullo Gay

- O organismo provincial colabora, xunto ó Concello de Lugo, co colectivo ALAS  na organización do Orgullo Lgbt Lugay 2014  que se celebrará o día 29 de xuño a partires das 18:00 horas - Sonsoles López Izquierdo salientou que este tipo de eventos serven para “educar ós cidadáns na sexualidade e favorece o respecto ás diferentes orientacións sexuais” - A xornada reivindicativa destacan as actuacións musicais de Leblond, Lara Sajén ou Drag La Canalla

A Praza de San Marcos será, este ano, escenario das actividades programadas con motivo da celebración do Día do Orgullo Gay, organizado polo colectivo de lesbianas; gays; bisexuais e transexuais ALAS, en colaboración coa Deputación e o Concello de Lugo. O Orgullo Lgtb Lugay 2014  celebrarase nesta Praza o vindeiro día 29 de xuño a partires das 18:00 horas.

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, participou no acto de presentación do evento, que tivo lugar hoxe no Salón de Plenos do Concello, xunto coa Concelleira de Asuntos Sociais, Ana Abelleira, e representantes do colectivo, destacou que “dende o organismo provincial hai un especial interese por previr o acoso e a homofobia, e estamos convencidos da importancia da educación para favorecer o respecto ás diferentes orientacións sexuais”. Izquierdo tamén afirmou que dende a Deputación “rexeitamos toda a discriminación que se exerza contra as persoas por calquera causa, entre elas, por suposto, a orientación sexual”, por iso “promovemos este tipo de campañas para concienciar á cidadanía na diversidade”.

A Praza de San Marcos acollerá, pois, o evento que dará comezo ás 18:00 horas do día 29 de xuño, coa lectura dun manifesto reivindicativo, seguido de diversas actuación musicais. Os artistas que participarán na celebración son Leblond, recoñecido grupo de sinthpop de éxito dentro do colectivo gay nacional; Lara Sajén, integrante de Fangoria que acaba de presentar o seu traballo en solitario e Las Supremas, dúo lucense de proxección nacional que actualmente están presentando dous traballos, “Daño” e “Diferentes”, e que serán as encargadas de presentar o evento. Outra das artistas que participarán no Orgullo Lgtb Lugay 2014 é a dragqueen cómica Drag La Canalla, que interpretará varios números moi coloristas, e por último o polifacético Diablillo Lj, o perfomer máis recoñecido da noite lucense. Os actos rematarán, aproximadamente, ás 21:00 horas.