Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle a primeira exposición de mobiliario e obxectos pintados de Antonio Murado en Europa

- Regina Polín presentou hoxe a mostra O bargenho das Santas. Esculturas, pinturas e mobiliario, que recolle case unha vintena de pezas “nas que a expresión artística comparte protagonismo coa funcionalidade” - A exposición será única e excepcional, xa que contará cunha peza efímera, realizada en papel pintado e creada para esta exposición, que se destruirá ó rematar a mesma - O bargenho das Santas abrirá as súas portas este venres ás 20:00 horas nos horarios habituais da Capela: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe a exposición O bargenho das Santas. Esculturas, pinturas e mobiliario, que se inaugurará este venres ás 20:00 horas na Capela de Santa María. Será a primeira vez que o artista Antonio Murado, que tamén estivo presente no acto, exporá o seu traballo de mobiliario e outros obxectos pintados en Europa. De feito, polo momento só hai unha mostra comparable á que se poderá admirar na Capela dende este venres ás 20:00 horas: a que na actualidade ten o artista na cidade de Nova Iorque.

De feito, tal e como destacou Polín, “é a primeira vez que Murado exhibe en Europa estas pezas, e é un inmenso orgullo que pensara en nós e nesta Capela para dar a coñecer estes magníficos traballos”. A Deputada agradeceu ó artista a súa disposición e o “privilexio que supón para o Centro de Artesanía e Deseño que un artista da talla de Murado traballo man a man cos artesáns deste Centro”, cos que Murado traballou no Obradoiro do Moble para crear moitas das pezas presentes nesta mostra.

A mostra
O bargenho das Santas. Esculturas, pinturas e mobiliario está formada por case vinte de pezas de mobiliario –nas que se aprecian, entre outras, influencias da tradición xaponesa  ou escandinava- así como outros obxectos, nos que a pintura comparte protagonismo coa funcionalidade. O artista reflicte o seu universo creativo e os temas que tradicionalmente inspiran ó artista: a paisaxe, a beleza ou a melancolía en obxectos funcionais, máis cercanos á realidade. Murado tamén destacou que outra das pezas será un biombo, “bisagra ideal entre o soporte tradicional da pintura e o obxecto moble”, tan propio de culturas orientais como a xaponesa, na que as fronteiras entre arte e artesanía están “máis difuminada”, sen esa diferenciación máis propia da tradición europea nacida do academicismo ilustrado.

En canto ás técnicas e materiais, Murado emprega, por exemplo, óleos que traballa con aire soprado para crear, formas naturais cheas de textura, como é o caso das flores que decoran as bandexas; ou as resinas de poliuretano, que emprega cun fin práctico e estético, xa que ó tempo que protexen a pintura, danlle os obxectos “un aspecto máis duro, funcional”, tal e como o define o artista.

Unha das obras máis destacadas é unha instalación de gran formato realizada en papel pintado no que se mostra unha fotografía modificada do artista. Esta é unha peza efímera, nacida exclusivamente para esta exposición e que se destruirá ó rematar a mesma, o que fai desta mostra excepcional e única.

Murado agradeceu a colaboración prestada polos artesáns do Obradoiros do Moble do Centro de Artesanía e Deseño, cos que traballou na construción dos mobles que forman parte desta exposición e cos que Murado aprendeu máis “sobre as técnicas propias do traballo tradicional da madeira, un arte perdido en moitos lugares”.

O artista
Murado é un dos artistas máis destacados da súa xeración. Nacido en Lugo, e afincado en Nova Iorque, este lucense conta no seru currículo con exposicións en museos e galerías de arte de todo o mundo: Nova Iorque, Seattle, Berlín, Vancouver, Bruxelas, Sidney, Oporto ou Madrid, por citar algúns.

O barguenho das Santas. Esculturas, pinturas e mobiliario inaugurarase mañá ás 20:00 hroas e permanecerá aberta ó público na Capela de Santa María nos horarios habituais: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas A entrada é completamente gratuíta.