Deputación de Lugo

A Praza de San Marcos, obradoiro de vestimentas para o Arde Lucus

Imaxe deputación de lugo
Expertos artesáns do Centro de Artesanía e Deseño estarán dende hoxe ata o 13 de xuño na Praza de San Marcos, entre as 17:00 e as 20:00 horas, para axudar ós lucenses de xeito gratuíto a confeccionar os seus traxes e complementos de romanos ou castrexos

A Deputación apura os últimos días para preparar o Arde Lucus. Expertos artesáns do Centro de Artesanía e Deseño estarán durante toda esta semana na Praza de San Marcos para botar unha man, de xeito gratuíto, a todos os lucenses que se acheguen ata alí coas súas telas e materiais, para facer os seus traxes, ben de romanos ou castrexos, así como complementos en materiais como coiro ou flores.

Esta actividades desenvolverase dende hoxe e ata o vindeiro día 13 de xuño, entre as 17:00 e as 20:00 horas, diante do Pazo de San Marcos. Así, os artesáns do Centrad poderán asesorar ou resolver calquera dúbida, permitindo ós lucenses ter todo listo para a cita festiva que se celebrará esta fin de semana na capital luguesa.

Xa a pasada semana, estes artesáns do Centrad estiveron nas instalacións do Centro axudando a ducias de persoas que se achegaron ata alí e recibiron consello dos profesionais sobre o mellor xeito de confeccionar traxes e complementos.

Con esta actividade, a Deputación de Lugo involúcrase novamente co Arde Lucus ampliando a oferta lúdica e cultural para esta semana de celebracións. A institución provincial vén de asinar novamente un convenio co Concello de Lugo, mediante o cal esta fai unha achega de 18.000 euros para financiar a celebración do evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego. Tendo en conta que, a pesares da súa xuventude, esta cita consegue atraer a milleiros de visitantes en cada edición, supoñendo un interese turístico e cultural engadido capaz de situar a Lugo no mapa turístico nacional, o Arde Lucus é un destacado factor de dinamización económica para ducias de sectores da provincia, de xeito que o Goberno provincial aposta por colaborar no seu impulso.