Deputación de Lugo

Alumnos da EIS estrean no MIHL tres vídeos musicais e tres anuncios de televisión na gala de fin de curso

- García Porto participou na clausura do curso da Escola de Imaxe e Son, “o centro de referencia en Galicia da Formación Profesional no eido audiovisual, o único público na provincia de Lugo e con matrícula gratuíta por sétimo ano consecutivo” - Os recen titulados presentaron os seus proxectos fin de ciclo a produtoras do Cluster Audiovisual Galego, na sede do In Lugo     

Alumnos de Realización e Produción da promoción 2012-2014 da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC presentaron este xoves os seus proxectos no Museo Interactivo de Historia de Lugo. Foi na gala de clausura do curso, na que participou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, quen salientou “a calidade da formación que a EIS, o único centro público na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual e con matrícula gratuíta por sétimo ano consecutivo, ofrece ós seus estudantes. O prestixio acadado nos últimos anos sitúa á Escola no centro de referencia en Galicia da Formación Profesional no eido audiovisual”. Os traballos presentados foron os spots de televisión “Café Candelas”, “Colonia Sculpture” e “Vino Finca 4ª“, xunto ós vídeo clips de tres grupos lucenses,  Bristol, Zootropa e Moon Dogs.

Ó acto asistiron, ademais dos familiares e amigos dos estudantes, representantes de produtoras, medios de comunicación audiovisual, empresas de publicidade e estudos de son. García Porto destacou “a aposta da Fundación TIC pola formación profesional moderna, en contacto directo co sector empresarial, co fin de preparar ós mellores profesionais para que poidan acceder ó mercado laboral, sendo coñecedores da realidade e demandas do sector. O nivel do alumnado da EIS, moi acostumado ós escenarios reais, deixa a súa pegada nas empresas audiovisuais, e diso temos constancia polas numerosas felicitacións que recibimos”, engadiu.

Os alumnos da TIC, responsables da organización íntegra da gala, foron os encargados de recibir ós convidados, ós que realizaron entrevistas antes do inicio da proxección.

Formación especializada
No curso que vén de rematar, a Fundación TIC, “ademais de reforzar a relación co mundo empresarial, afondou noutro dos seus piares: a formación práctica e os traballos en escenarios reais”. Entre as prácticas levadas a cabo polo alumnado, Porto destacou “a emisión en streaming de acontecementos promovidos pola Deputación e as entidades coas que colabora a TIC, un servizo cada vez mais demandado debido ás vantaxes que supón poder facer un seguimento dos actos en directo, a través da internet”. A EIS incrementou o número de actividades complementarias coa oferta de talleres e masterclass impartidas por expertos do sector audiovisual, e outras actividades extra curriculares, que tiveron moi boa acollida por parte do alumnado.

Presentación ó Cluster Audiovisual
A xornada de clausura do curso incluíu a presentación dos traballos do módulo Proxectos de Fin de Ciclo, que se impartiu por primeira vez na EIS, a produtora do Cluster Audiovisual Galego. A iniciativa enmárcase no plan de impulso á cultura do emprendemento entre o alumnado da TIC, como unha alternativa laboral. “Este ano creamos novas liñas de colaboración coa industria audiovisual e multimedia, e orientamos ós alumnos para que os seus proxectos de fin de ciclo sexan innovadores, creativos e cunha visión emprendedora que poida interesar ás empresas”, afirmou a Deputada. Ademais de “animalos a que utilicen o seu talento emprendedor, a TIC titoriza ós estudantes e titulados nas súas iniciativas para o seu desenvolvemento profesional no eido do audiovisual”.

No pitching que se desenvolveu ó longo da mañá, na sede do In Lugo, os alumnos dispuxeron de dez minutos para expoñer e vender a súa idea ós representantes das produtoras e empresas audiovisuais do Cluster Galego. Os proxectos presentados foron a longametraxe musical para televisión “House Light Post-It”, de Miriam Vázquez; o vídeo de promoción da estación andorrana Ordino-Arcalis “Ordino a tu Lado, Día a Día”, de Daniel Guillermo Espeso; o programa de entretemento con cámara oculta “Entre Bromas”, de Daniel Rjal e Noemí Varela, e a serie de televisión, de seis capítulos “Deep Galicia”, de María Salgado e Ana Anido.

Os vídeos da clausura
Nos seis vídeos proxectados na gala de clausura participaron a totalidade dos alumnos de 2º dos ciclos superiores de Realización e Produción, distribuídos en tres grupos de traballo. Os recén titulados realizaron integramente os seus proxectos de fin de curso, tutelados polos docentes da EIS. O proceso comezou hai seis meses coa idea e o guión, para continuar coa produción, a gravación e rematar coa postprodución dos audiovisuais.

Na rodaxe dos spots “Café Candelas”, “Colonia Sculpture” e “Vino Finca 4ª“ interviñeron actores profesionais, os propios alumnos e amigos. Para a realización dos vídeo clips, os estudantes seleccionaron a Bristol, Zootropa e Moon Dogs entre unha vintena de grupos musicais lucenses que se ofreceron para colaborar no proxecto.